Xuízo do Alvia

Expectación ante a comparecencia do ex xefe de seguranza ferroviaria europea esta quinta feira no xuízo do Alvia

A sala en que decorre o xuízo do Alvia. (Foto: Nós Diario)
No xuízo están procesados o maquinista, Francisco Garzón, que tomou a curva cun exceso de velocidade e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por estar á fronte do departamento da empresa pública ao que correspondería a análise de riscos da liña.

Todas as miradas no xuízo polo accidente do tren Alvia están postas na comparecencia desta quinta feira, a partir das 9.30 horas, do ex director de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea (ERA polas súas siglas en inglés), Christopher Carr.

Esta axencia censura a única investigación oficial que realizou o Estado español sobre o sinistro, que só apunta ao maquinista, ao advertir que non analizou "elementos chave" máis alá do exceso de velocidade co que o tren tomou a curva da Grandeira, no barrio compostelán de Angrois, onde morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas.

No xuízo están procesados o maquinista Francisco Garzón, que tomou a curva cun exceso de velocidade e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por estar á fronte do departamento da empresa pública ao que correspondería a análise de riscos da liña.

No seu informe, a ERA que dirixía Carr cargou tamén contra a falta de independencia da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), a responsábel da investigación que só responsabiliza o maquinista.

Pola súa parte, a plataforma de vítimas do accidente mantén aberto un contencioso no Tribunal Supremo para exixir independencia na CIAF.

Precisamente esta terza feira, o ex director de seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, revelou que en 2008 a operadora ferroviaria propuxo a instalación de balizas que frearían ao Alvia, tras un descarrilamento de características similares ao de Angrois, neste caso en Medina del Campo.

Esa formulación foi descartada pola CIAF e tamén por Adif, segundo deu a entender Lanchares na súa comparecencia, en calidade de testemuña despois de estar investigado en fase de instrución.

O papel de Ana Miranda

Pola súa parte, a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que foi quen convidou a unha delegación desta plataforma a Bruxelas para reunirse, entre outros, con responsábeis da ERA, subliña que "é de máxima relevancia a comparecencia" de Carr esta quinta.

Neste sentido, reclama unha "investigación independente" do accidente e incide, como as vítimas, en que isto é o que pide a Comisión Europea.

Para alén diso, a propia Ana Miranda xa indicara que a ERA "foi a única entidade pública que apoiou a busca da verdade sobre as causas do sinistro", en referencia ao informe da propia axencia publicado en 2016.

"O informe do que Christopher Carr é autor, [publicado despois da demanda feita polo BNG e a Asociación de Vítimas do tren en Bruxelas] subliñaba que a análise realizada pola CIAF non era independente e non analizaba as causas profundas do accidente”, lembra a eurodeputada do Bloque, quen critica ademais que a propia ministra de Fomento nesa lexislatura, Ana Pastor, manobrou para impedir a publicación dese informe da ERA.