A expansión da Covid-19 a piques de alcanzar os 50.000 casos

Fileira para facerse unha proba PCR en Vigo durante as festas. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A taxa de positividade sube até 28,54%, moi lonxe do 5% marcado pola OMS para dar por controlada a pandemia, mentres o número de casos activos de coronavirus marca cada día un novo récord.

Nova marca de infeccións por SARS-CoV-2 na Galiza. O último reporte da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade eleva a 49.988 os casos activos onte, segundo os datos recollidos entre as 18 horas do sábado e a mesma hora do domingo.

Isto supón un aumento de 1.715 casos activos con respecto á xornada anterior, e arredor do dobre que hai unha semana, amais, desde o pasado 27 de decembro é o primeiro día con menos de 3.000 contaxios diarios no país (2.899). Así e todo, hai que coller a cifra con precaución, por mor da redución do número de probas efectuadas.

Na última xornada, Sanidade recoñece que se efectuaron 8.420 probas PCR, 4.700 menos que as que se fixeran un día antes. No que atinxe ás probas de antíxenos, leváronse a cabo apenas 6.003.

O resultado das PCR amosa unha suba na taxa de positividade, que pasa do 24,72% do domingo ao 28,54% de onte, moi lonxe do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde para considerar controlada a pandemia.

A presión hospitalaria aumenta nas sete áreas sanitarias, con Ourense á cabeza, polo que xa son 53 as persoas ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos -unha máis ca onte-, e 331 en unidades de hospitalización, 23 máis que a xornada anterior.

Até catro persoas faleceron con Covid-19, saliéntase na información brindada pola Consellaría, todas elas con patoloxías previas, o que aumenta o número de decesos desde o comezo da pandemia a 2.770.

Por áreas sanitarias, a de Vigo continúa a ser a que sufre máis casos activos, 11.849, aínda sendo na que menos casos foron detectados desde o anterior informe, 18.

Na de Compostela, rexístranse 9.297 casos activos, seguida pola da Coruña, con 9.065, e Pontevedra, con 6.489. Pola súa parte, a de Ourense ten 5.421 infeccións, a de Lugo 4.677, e a de Ferrol 3.190.

Dúas semanas de alerta

A directora do Departamento de Saúde Pública e do Ambiente da OMS, a galega María Neira, incidiu esta segunda feira en que quedan cando menos “dúas semanas de alerta” polo aumento de contaxios após a aparición da variante Ómicron, polo que recomenda continuar coas restricións para evitar que se sobrecarguen os hospitais.