Regalo para a hostalaría? A Xunta amplía o horario de Reis nunha hora

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial da Galiza (DOG) un anuncio no que fixa o mesmo horario para a véspera de festivos que para as noites das sextas feiras e dos sábados. Considera que é un paso "proporcionado" malia as restricións pola Covid-19.
Tren de Nadal en Vigo, o pasado 12 de decembro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Tren de Nadal en Vigo, o pasado 12 de decembro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Cafetarías, mesóns, restaurantes e bares do país poderán redeseñar o seu horario para a véspera do día de reis, é dicir, para esta cuarta feira, 5 de xaneiro, malia o aumento dos contaxios de coronavirus. A Xunta vén de notificar, a través dunha publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), o permiso para ampliar unha hora máis a apertura.

O Goberno galego optou por mudar de forma puntual as restricións de Nadal polo coronavirus equiparando as vésperas de días festivos, -como é o caso deste 5 de xaneiro- ás sextas feiras e sábado.

Así, permitirá abrir até a 1 da madrugada, mentres que nestes días previos quedara fixado o feche para a medianoite.

No medio da sexta onda, cos contaxios crecendo e a decisión definitiva sobre a volta as aulas pendente do cumio desta terza feira, esta decisión modifica as normas aprobadas antes de despedir o ano 2021.

"Considérase adecuado e proporcionado suplir a omisión da orde citada e introducir a indicada ampliación de horario", di a Xunta

O horario límite ficara nas 00 horas, pero agora a Xunta amplía un día concreto até as 01 horas porque considera que é un paso "proporcionado" dada a tradición de saír na véspera do festivo por compras, cabalgatas ou simples celebracións.

En calquera caso, continúan vixentes outras medidas de control da pandemia como é o caso do límite de dez usuarios nunha mesa ou a capacidade nos eventos deportivos, por sinalar só dous exemplos.

"Considérase adecuado e proporcionado suplir a omisión da orde citada e introducir a indicada ampliación de horario", especifica a comunicación do DOG.

Comentarios