O Exército español intensifica as súas manobras na Galiza: agora tamén por mar

A fragata 'Almirante Juan de Borbón'. (Foto: Europa Press)
As manobras da Armada epañola súmase aos exercicios militares de defensa aérea que está a levar a cabo o Exército do Aire na base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 (EVA 10) que se atopa no monte Iroite.

Varios navíos do Exército español atópanse estes días realizando manobras militares en augas galegas. En concreto, trátanse das fragatas de clase F-100 'Álvaro de Bazán', 'Méndez Núñez' e 'Cristóbal Colón', todas elas con base en Ferrol; a fragata de clase F-80 'Reina Sofía' e o buque para o abastecemento de combate (BAC) 'Cantabria'.

Asemade, tamén se unirá nas vindeiras xornadas a fragata de clase F-102 'Almirante Juan de Borbón', que o pasado 21 de marzo levantou áncoras para formar parte dun plan de activación baixo o mando do comandante do Mando de Operacións Aeroespaciais.

Estas manobras, que se realizan de xeito bianual, seguen o calendario estabelecido pola Armada española, enfocado á incrementar o nivel de experiencia en operacións navais a través do adestramento.

Durante os exercicios, coordinados polo capitán de navío comandante da 31ª Escuadrilla de Superficie, Gonzalo Leira Neira, os navíos simularán diferentes situacións de tensión e crise no contexto das operacións navais para estudar as reaccións e respostas dos buques militares.

Exercicios do Exército do Aire na Galiza

A Armada española non é a única institución militar que nestes días está a realizar manobras militares no noso país. O Exercito do Aire español está a levar a cabo exercicios militares de defensa aérea na base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 (EVA 10) que se atopa no monte Iroite, no límite entre os Concellos de Porto do Son, Boiro e Lousame, entre o 21 e o 25 de marzo.

O Mando Operativo Aeroespacial, que coordina os exercicios, é un órgano da estrutura operativa das Forzas Armadas subordinado ao Xefe do Estado Maior da Defensa, responsábel do plan, condución e seguimento das operacións de vixilancia, seguridade, control e policía aérea nos espazos aéreos de soberanía, responsabilidade e interese do Estado español.

Na operación, que ten a base do EVA 10 no Monte Iroite como centro operativo, participan máis de 2.000 efectivos das Forzas Armadas españolas.

Mobilizaranse seis avións EF-18, unidades do sistema de defensa aérea e 1.560 unidades de Exército do Aire; tamén a fragata F-102 Almirante Juan de Borbón e 180 unidades da Armada; así como mísiles Nasams, Mistral e Hawk, radares, unidades de transmisión e 400 unidades do Exército de Terra.