Por que os EF-18 do Exército español sobrevoarán O Barbanza?

Avións da OTAN realizando manobras no Estado español. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
Exercicios militares de defensa aérea na base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 (EVA 10) que se atopa no monte Iroite, no límite entre os Concellos de Porto do Son, Boiro e Lousame. Haberá máis de 2.000 efectivos do Exército Español, seis avións EF-18, unha fragata F-102, e mísiles Nasams, Mistral e Hawk. O Concello de Porto do Son pide que a cidadanía non se achegue á zona do monte Iroite.

O Exercito do Aire español levará a cabo exercicios militares de defensa aérea na base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 (EVA 10) que se atopa no monte Iroite, no límite entre os Concellos de Porto do Son, Boiro e Lousame, entre o 21 e o 25 de marzo.

O Mando Operativo Aeroespacial, organismo que levará a cabo os exercicios, é un órgano da estrutura operativa das Forzas Armadas subordinado ao Xefe do Estado Maior da Defensa, responsábel do plan, condución e seguimento das operacións de vixilancia, seguridade, control e policía aérea nos espazos aéreos de soberanía, responsabilidade e interese do Estado español.

O obxectivo das manobras que serán realizadas é o adestramento con respecto ao sistema Eagle Eye, que consiste na activación da forza asignada para a operación permanente de vixilancia e defensa do espazo aéreo do Estado español e contribúe a mellorar a interoperabilidade das Forzas Armadas.

Máis de 2.000 efectivos do Exército español, seis avións EF-18, unha fragata F-102, e mísiles Nasams, Mistral e Hawk

Na operación, que terá a base do EVA 10 no Monte Iroite como centro operativo, participarán máis de 2.000 efectivos das Forzas Armadas españolas.

Mobilizaranse seis avións EF-18, unidades do sistema de defensa aérea e 1.560 unidades de Exército do Aire; tamén unha fragata F-102 chamada Almirante Juan de Borbón e 180 unidades da Armada; así como mísiles Nasams, Mistral e Hawk, radares, unidades de transmisión e 400 unidades do Exército de Terra.

O Concello de Porto do Son pide non ir ao Iroite

O Concello de Porto do Son anunciou nas súas redes sociais que terá lugar o exercicio militar da vindeira semana para que a veciñanza "estea informada e non se asuste", ao tempo que lle pediu á poboación que "evite aproximarse durante eses días á zona próxima ao Iroite".