Protesta na Coruña

Ex mariños galegos reclaman as pensións a Noruega

Protesta da asociación Long Hope na Coruña [Facebook Long Hope]

As persoas integrantes da plataforma Long Hope concentráronse o sábado 7 de decembro na Coruña, diante do consulado de Noruega para lle reclamaren a este país o pago das súas pensións.

Agrupados na plataforma Long Hope, antigos mariñeiros galegos voltaron a se concentrar na mañá do sábado 7 de decembro. A mobilización tivo lugar na Coruña, diante do consulado de Noruega, país ao que reclaman as súas prestacións após traballaren durante anos embarcados en buques de patrón noruegués.

A asociación de ex mariños Long Hope continúa á espera da resolución xudicial da causa celebrada en Oslo (Noruega) nos días 4 e 5 de abril de 2019, na que demandan o recoñecemento das prestación derivadas dos seus períodos de tributación no país.

Aínda que ao non residiren en Noruega non podían cotizar a seguridade social, o Estado español asinou co país nórdico un convenio en 1963 polo que os traballadores vían retido parte do salario, mais sen o dereito a unha pensión no futuro. Desde Long Hope levan anos reclamando xustiza.

A plataforma está tamén pendente da aprobación a trámite doutra demanda ante o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, a onde recorreron o pasado mes de novembro após teren esgotado a vía xudicial no país nórdico.