"Pedimos que Noruega sexa xusta cos galegos que traballamos alí"

Imaxe: Long Hope

Os ex-mariños de Long Hope achegan probas no xuízo en Noruega da súa exclusión a respecto dos nacionais dese país embora realizar os mesmos traballos e pagar os mesmos impostos. O xuízo ficou visto para sentenza.

O xuízo no que os ex-mariños galegos en Noruega reclaman as súas pensións nese país após anos de traballo en barcos de compañía e bandeira norueguesa ficou visto para sentenza esta cuarta feira, 5 de abril. A decisión do xuíz, sinalan Alberto Paz, da asociación Long Hope, e Xosé M. Carril, profesor de Dereito do Traballo na Universidade da Coruña, coñecerase despois de Semana Santa.

Paz manifestou, en conversa con Sermos Galiza, que tiñan unha boa impresión destes dous días de xuízo, destacando as probas e documentación achegadas que amosan a “inxustiza” que Noruega comete con estes ex-mariños. Sobre o resultado do xuízo, o portavoz de ‘Long Hope’ destaca que é unha etapa que é necesaria no camiño ao destino que estes ex-mariños procuran: o Tribunal Europeo dos Dereitos humanos.

Entre a década dos 50 e os 80 por volta de 8.000 galegos traballaron embarcados en buques de compañías e bandeiras norueguesas. Cotizaron e pagaron os seus impostos neses país, máis de 540 millóns de euros. "Pedimos que Noruega sexa xusta cos galegos que traballamods alí". Porén, Oslo non lles recoñece o dereito a pensión ou prestación pois considera que non residiron no país, algo que non se solicitaba dos noruegueses que traballaban cando eses mariños galegos. "Facían o mesmo traballo que os noruegueses, pagaban os mesmos impostos, mais aos galegos pedíaselles residir en Noruega e aos noruegueses, non". 

Importancia

Para Xosé M. Carril, a última xornada do xuízo foi importante por canto desde Long Hope se achegaron probas que sustentan as súas demandas. “Puxéronse riba da mesa probas de que os galegos pagaban impostos como os noruegueses, algo que desde o avogado do Estado se tentara poñer en dúbida”.

Mais a cuestión fulcral foi, indica o profesor da UDC, que se achagaron probas documentais e oficiais de por que os mariñeiros galegos foron excluídos deses dereitos que lle permitirían cobrar pensións e prestacións. Debeuse a razóns económicas, mesmo con cartas de armadores indicando que non podían asumir o custo que iso supuña e que de facelo a frota norueguesa non sería competitiva. “O propio avogado do estado tivo que recoñecer que esas eran as razóns”, salienta Carril, incidindo na importancia que iso ten, pois amosaría unha discriminación por motivo de nacionalidade, o que é contraria á lexislación dos dereitos humanos.