Mapa interactivo

260 concellos perderon habitantes na última década e só 53 medraron: así evolucionou a poboación do teu municipio

Mapa que representa a evolución da poboación dos 313 concellos do país entre os anos 2013 e 2023, cunha panorámica de Ferrol o que máis perde, de fondo. (Fonte: IGE)
Os cinco municipios que máis medraron entre 2013 e 2023, segundo datos do IGE, pertencen ás comarcas da Coruña e Santiago. O concello de Oleiros lidera o crecemento, mentres Ferrol foi o gran damnificado nestes últimos dez anos.

Os últimos datos demográficos relativos á Galiza non convidan precisamente ao optimismo. A pasada semana o INE daba a coñecer os datos provisionais de nacementos e defuncións durante o pasado ano 2023, que deixaba no país un novo mínimo histórico de bebés: 14.103. Nunca, desde que existen rexistros, fora tan baixa a natalidade. E, de feito, o saldo vexetativo —nacementos menos defuncións— está en números vermellos desde 1988. Ao remate do pasado exercicio o resultado foi de -18.701.

Só na última década, tomando como referencia 2013, Galiza perdeu perto de 70.000 habitantes e a súa poboación seguiu a envellecer progresivamente, agudizando así unha pirámide demográfica con forma de 'tonel'; é dicir, que a esperanza de vida aumenta mentres a natalidade avanza na tendencia inversa. O peso nesa pirámide das persoas de maior idade é cada vez máis importante e o das máis novas, menor. De feito, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, hai máis do dobre de galegos e galegas con 65 anos de idade ou máis que menores de 14.

Entre 2013 e 2023 oito de cada dez concellos (260) foron vítimas do devalo poboacional que sofre o país, mais con notábeis diferenzas. Ferrol é, por moito, o municipio que máis habitantes perdeu nestes últimos dez anos, un total de 7.342, pasando de 71.232 a 63.890, segundo as Cifras oficiais da poboación a 1 de xaneiro publicadas polo IGE. Tamén descendeu o padrón nos concellos veciños de Narón (-399), Neda (-503), Fene (-1.078) e Mugardos (-242). Dentro da comarca de Ferrolterra, de feito, só se incrementou en Valdoviño (+78) e Ares (+331).

 

 

A listaxe do declive demográfico proséguena outras dúas cidades: Ourense e Vigo, que o pasado ano tiñan 3.292 e 2.827 cidadáns e cidadás menos, respectivamente, que unha década atrás. Pola contra, as súas áreas metropolitanas gañaron poboación —ou, no caso de perdela, experimentaron unha caída menor—. No caso da cidade olívica, no período analizado medraron O Porriño (+1.654), Nigrán (+307) ou Gondomar (+1.038), se ben tamén minguaron Redondela (-981) ou Mos (-291). E volvendo o foco sobre Ourense, en 2023 tiñan máis habitantes que en 2013 O Pereiro de Aguiar (+321), San Cibrao das Viñas (+769), Barbadás (+912), Coles (+5) e Amoeiro (+134), mentres caeron os tamén lindeiros de Punxín (-25) e Toén (-149).

No extremo oposto, o do crecemento, salientan cinco municipios pertencentes ás comarcas da Coruña e Santiago de Compostela, incluída a propia capital galega, a terceira en crecemento na última década con 2.646 habitantes máis. Máis aínda medrou o concello veciño de Ames (+2.793), que logrou superar a barreira dos 30.000 até situarse nuns 32.482 que o sitúan como o duodécimo máis poboado do país.

En números totais, inmediatamente por riba de Ames fica hoxe Arteixo, con 33.516, o que representa unha suba de 2.511 na última década, o cuarto maior crecemento após Santiago, Ames e, en primeira posición, Oleiros, o concello coa renda por habitante máis alta da Galiza, que gaña 3.339 e supera Vilagarcía de Arousa, cun total de 37.809 habitantes, como o noveno en poboación, só superado polas sete grandes cidades e mais Narón (39.051), que neste período, porén, perdeu 399 residentes, segundo o IGE.

O 'top 5' en crecemento demográfico féchao Sada, circunscrito tamén á comarca coruñesa, cunha repunta de 1.799 que eleva en 2023 até 16.874 as e os seus habitantes. A propia cidade herculina tamén medra, pero en menor medida (+1.453).