Os eventos extremos por vagas de calor cuadriplícanse no país

Unha crianza xoga con auga en Ourense durante unha vaga de calor (foto: Rosa Veiga / Europa Press).
As vagas de calor de especial intensidade son un fenómeno cada vez máis recorrente na Galiza e no mundo. Un estudo publicado na revista científica 'Nature Communication' explora a evolución destes eventos extremos no presente e no futuro en 748 localidades ao redor do globo, incluídas Lugo, Ourense e A Coruña. A cidade das Burgas é especialmente vulnerábel ao quecemento global.

Os eventos extremos por vagas de calor cuadriplicáronse nas urbes galegas, chegando incluso a quintuplicarse no caso da cidade de Lugo, explica a Nós Diario o experto en Xeografía Física e responsábel de ciencia de datos na Fundación para a Investigación do Clima (FIClima), Dominic Royé.

Uns datos corroborados polo novo artigo científico publicado en Nature Communication baixo o titulo de 'Rápido aumento no risco de mortalidade relacionada coa calor', do que Dominic Royé é coautor. 

A través da análise de probabilidade desenvolta polo estudo combínanse as relacións empíricas entre a calor e a mortalidade para 748 localidades de 47 Estados, e por outra, os datos de grandes conxuntos de modelos climáticos, coa finalidade de identificar probábeis eventos estivais pasados e futuros de grande impacto.

Entre as cidades estudadas atópanse as de Lugo, Ourense e A Coruña. No caso da cidade das murallas, a frecuencia dun evento extremo estival que nun pasado recente podía darse nunha ocasión cada 100 anos, aumentou até unha recorrencia dunha vez cada 18,6 anos. 

Ademais, no caso de Ourense esta frecuencia incrementou até unha vez cada 23,5 anos, mentres que no da Coruña alcanzou unha recorrencia dunha vez cada 25,9 anos.

Por outra parte, nun escenario futuro cun quecemento global de dous graos centígrados esta recorrencia ascendería até un episodio extremo estival cada 2,9 anos no caso de Ourense, mentres que no de Lugo chegaría a acontecer cada 4,6 anos e no da Coruña cada 5,1.

Nestas circunstancias, a mortalidade atribuíbel á calor nos eventos extremos pasaría en Ourense de 4,84% en 2020 a 7,49% nun escenario de quecemento global de dous graos centígrados. En Lugo, a evolución sería de 3,56% a 5,58%, e na Coruña, de 2,24% a 3,63%.

Exceso de mortalidade

Royé exemplifica a problemática do aumento do exceso de mortalidade atribuíbel aos episodios extremos de calor a través do caso de París. Concretamente, mentres que o verán de 2003, cun exceso de mortalidade de 2.700 persoas só en París, "foi un acontecemento moi raro que se producía unha vez cada 100 anos, no clima actual espérase que aconteza cada 18 anos e cada catro anos no caso dun mundo con dous graos centígrados de quecemento global", explica.

"Dado que os efectos non son lineais, tanto nos novos extremos climáticos como na vulnerabilidade á calor da poboación, débense esperar impactos sen precedentes na saúde humana, sobre todo entre os máis desfavorecidos, se non hai adaptación", afirma. "As conclusións do estudo subliñan a urxente necesidade dunha forte mitigación e adaptación para reducir os impactos sobre a vida humana", explica Royé.

"Con este enfoque pódese cuantificar o impacto potencial directo do cambio climático na saúde humana", sinala o investigador. Estes resultados "son prácticos para os responsábeis da toma de decisións", conclúe.