Europa, a piques de entrar nun "longo período de tranquilidade" na pandemia

Realización dunha proba PCR no concello de Abegondo (Foto: Europa Press).
A OMS ve "posíbel" afrontar as novas variantes que virán sen a necesidade de implantar medidas restritivas como as actuais.

O director da Oficina Rexional para Europa da Organización Mundial da Saúde (OMS), Hans Kluge, apuntou esta quinta feira que o continente ten "unha oportunidade para tomar o control da transmisión" da Covid-19 debido á "unha gran inmunidade derivada da vacina e natural por parte de Ómicron, unha pausa estacional favorábel ao saír do inverno e a menor gravidade de Ómicron".

"Este contexto, que non vivimos até o de agora nesta pandemia, déixanos a posibilidade dun longo período de tranquilidade e un nivel de defensa da poboación moito maior ante calquera gromo, mesmo cunha variante máis virulenta", explicou en rolda de prensa.

Así, resaltou que este período de maior protección debe ser visto como un "cesamento do fogo" que "podería traernos unha paz duradeira", sempre que se sigan administrando as doses de reforzo, se manteña a responsabilidade individual e se intensifique "a vixilancia para detectar novas variantes".

Para Kluge, é "posíbel" responder as "novas variantes que inevitabelmente xurdirán" sen volver instalar o tipo de medidas disruptivas que precisabamos antes. "A máxima prioridade é levar todos os países a un nivel de protección que lles permita aproveitar esta oportunidade e mirar cara adiante, cara a días máis estábeis", destacou.

Con todo, lembrou que se necesita "un aumento drástico e inflexíbel da repartición de vacinas a través das fronteiras". "Non podemos aceptar a desigualdade en materia de vacinas nin un día máis: as vacinas deben ser para todos, no recuncho máis remoto da nosa vasta rexión e máis aló", concluíu.

Novo récord de incidencia mundial

Sexa como for, Kluge alertou de que Europa rexistrou doce millóns de novos casos de Covid-19 a semana pasada, a maior incidencia semanal de positivos desde o inicio da pandemia, debido á variante Ómicron. Estas cifras supoñen que 30% de todos os casos desde decembro de 2019 notificáronse en 2022. En total, até a data actual notificáronse case 150 millóns de positivos en Europa e Asia Central.

Kluge avisou de que as hospitalizacións "seguen en aumento, principalmente nos países cunha menor aceptación da vacinación nas poboacións vulnerábeis", aínda que este incremento "non é tan rápido como a taxa de incidencia de casos, e en xeral os ingresos en coidados intensivos non aumentaron significativamente". Como boas noticias, o máximo representante da OMS en Europa celebrou que, "polo de agora, o número de mortes en toda a rexión comeza estabilizarse".