A Eurocámara reclama a Bruxelas mellor conexión para zonas rurais

Estación autobuses Lugo
O Parlamento Europeo, a través dun informe, quere que a Comisión Europea trate as necesidades de mobilidade do rural. O Goberno español, pola súa parte, comeza a tramitar a Lei de Mobilidade Sostíbel.

O Pleno do Parlamento Europeo reclamou onte á Comisión Europea que aborde as necesidades das comunidades rurais cando prepare lexislación e programas financeiros sobre agricultura ou políticas de cohesión co fin de lograr que estas zonas estean mellor conectadas e sexan máis fortes, resilientes e prósperas de aquí a 2040. 

Neste sentido, a Eurocámara aprobou un informe sobre a Comunicación da Comisión Europea co obxectivo de facer fronte a desafíos como o despoboamento ou a fenda dixital.

O informe abarca desafíos como a diminución e o envellecemento da poboación, a redución das oportunidades para obter emprego de calidade, a falta de acceso a servizos de interese xeral de calidade, as presións climáticas e ambientais, unha menor conectividade e un acceso limitado á innovación. 

A cámara solicitou tamén á Comisión que elimine os obstáculos ao enfoque de financiamento múltiple e mellore a coordinación entre os instrumentos de financiamento dos Estados e da Unión Europea, debido a que consideran que o declive demográfico e o envellecemento implicarán retos para a seguridade alimentaria.

Lei de Mobilidade Sostíbel

O Goberno español aprobou en segunda lectura o anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel, o que supón iniciar a tramitación parlamentaria desta norma orientada a modernizar a mobilidade con novas tecnoloxías e contribuír a descarbonizar o transporte.

Baixo esta Lei contemplarase o novo mapa concesional de autobuses de longo percorrido, coa idea de simplificar os roteiros para facer o sistema máis eficiente pero garantindo a mobilidade da cidadanía. 

Tamén se recolle que as empresas con máis de 500 traballadores terán que contar con plans de mobilidade sostíbel ao traballo, que os municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes deberán dotarse de plans de mobilidade urbana ou que as empresas de transporte terán que calcular a súa pegada de carbono e trasladar esa información aos usuarios. 

Desde a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) sinalan que a Lei de Mobilidade Sostíbel "é unha oportunidade para revisar a lexislación vixente e reducir obstáculos innecesarios".

Recomendan a liberalización do transporte interurbano de viaxeiros por estrada en autobús, á vez que piden aproveitar a nova norma para revisar as barreiras históricas ao desenvolvemento da competencia no sector do transporte.