Pedro Alonso

“O eucalipto xa non só ocupa os montes, agora tamén ameaza as terras agrarias”

Foi un dos impulsores da I Asemblea contra a eucaliptización que esta fin de semana decorreu en Moaña e que terá continuidade en vindeiros encontros en diferentes comarcas da Galiza. “É o momento de que a sociedade dea un paso á fronte”.

Pedro Alonso, ‘Perico’, biólogo que leva anos de compromiso e militancia no ambientalismo. É unha das persoas que pulou para que esta fin de semana en Moaña tivese lugar a primeira Asemblea contra a eucaliptización, organizada por Loita Verde e Erva e na que tomaron parte perto de 20 colectivos.

- A eucaliptización non é un fenómeno que sexa de agora, é un proceso que vén desde hai tempo. Por que agora un encontro como o de Moaña?

- A eucaliptización comeza desde o momento en que Ence decide transformar o seu modelo produtivo e pasar de se fornecer de materia prima de piñeiro a eucalipto. Empeza a cobrar forza nos anos 70 mais o pulo definitivo a ese proceso de eucaliptización comeza a mediados dos 80, de maneira que desde entón até agora hai toda unha estratexia poliédrica. Primeiro desaloxa os serradoiros como competidores pola materia prima, despois desaloxa os piñeiros... e agora xa é terreo que se apropiou para producir eucaliptos.

Por que damos o paso agora dunha asemblea como esta? Bon, agora o que está ameazado xa non son os terreos a monte, o que está ameazadas son as terras agrarias. Isto nestes anos é cada vez máis patente e obvio, máis visíbel. Se ademais vemos a ameaza que pende sobre sectores agrarios como o lácteo, pois vemos que podemos ir cara unha transformación de pasto a terra forestal, que será eucalipto.

- Debuxas un rural onde o eucalipto vai selo todo

- Como é posíbel que a única alternativa da que se estea a falar para as terras agrarias, as terras de produción para a gandeiría é o eucalipto. Cando existen unha chea de alternativas! Mais non se fala delas. Por que? Pois porque interesadamente levan os produtores a abandonar as explotacións e transformalas en eucaliptais. Iso é terríbel. O uso para produción de eucalipto implica a perda de fertilidade do terreo, a compactación das terras o que impide a reversión nun futuro desas zonas para uso agrario.

- Como valorades a receptividade que tivo esta primeira xuntanza?

- Acudiron 18 colectivos e 85 persoas de diferentes ámbitos.  Confírmase que hai un fervedoiro que necesita ser canalizado a través de convocatorias abertas para poder facilitar sumar máis colectivos e máis xente. Agora estamos a traballar para convocar unha asemblea na comarca de Compostela.

- Na asemblea houbo consenso en valorar negativamente a situación dos montes após 25 anos de vixencia do Plan Forestal e amosastes unha gran desconfianza a respecto da pretendida reforma do mesmo por parte do goberno galego.

- A reforma do Plan Forestal non cuestiona o modelo dominante, un modelo monte/industria que asume que as directrices e todo o que marque o sector forestal non vai emanar dun goberno democraticamente elixido senón das necesidades ou eventualidades dunha multinacional, neste caso, Ence. O Plan Forestal non racha con esa inercia, significa só unha serie de variantes de maior ou menor envergadura mais sempre atendendo as necesidades de Ence. E non esquezamos que a propia Ence prioriza no seu plan estratéxico 2015/2020 un incremento do 50% dos beneficios procedentes do sector enerxía, é dicer, da biomasa.

- Que propostas e alternativas concretas a todo isto do que estamos falando abordastes nesta asemblea?

- Chegamos a sete conclusións, que están no documento que remitimos aos medios. Desde que haxa instrumentos de ordenación dos usos do monte até incidir na esfera administrativa e institucional para mudar as políticas con respecto ao monte. O certo é que hai unha batería enorme de propostas que se poderían incluír nunha táboa reivindicativa mais de momento estamos na fase de sumar forzas, de achegar ideas...

Estes sete enunciados son de momento os básicos que saíron da asemblea de Moaña, mais a medida que vaian decorrendo asembleas e vaiamos apuntando cara unha asemblea nacional galega, aí é cando haberá máis propostas e xa haberá que ir avanzando na maduración dun documento de medidas concretas, perfilando máis o que entendemos que é restrición e planificación de usos ou que papel lle correspondería na ordenación de usos do monte aos concellos, por exemplo.Ou como favorecer outro tipo de aproveitamentos, cuestións a nivel fiscal como a creación dun banco de investimentos forestais...

- Recentemente Portugal anunciaba unha moratoria até 2030 na plantación de eucalipto ao tempo que aposta en impulsar a repoboación de piñeiro bravo, sobreira e carballo. Pode esa vía ser un espello no que mirarse desde Galiza?

- A miña opinión é que unha moratoria implicaría non plantar novos plantíos de eucalipto. Mais o problema que ten Galiza nestes momentos con case 400.000 hectáreas ocupadas por esa especie non son os novos plantíos senón os existentes. Unha moratoria non suporía rachar co modelo preponderante de abdicación da administración e institucións a favor dunha multinacional para que esta goberna e dirixa o sector forestal. E non supón tampouco solución para a eucaliptización que xa existe en grandes extensións do noso país.

Para min un Plan Forestal que non implique agora mesmo reverter ou recuperar para outros usos ducias de miles de hectáreas de superficie que están con eucalipto e que non deberían estalo é básico. Unha moratoria debe ser un complemento a outras cousas, soa nons erve para nada.

- Un grupo de concellos de Lugo fixo fronte común para criticar as medidas ou propostas para evitar a extensión do eucalipto defendendo que é un recurso que é importante para moitos veciños do rural.

A superficie media de propiedade no país anda entre 2 e 3 hectáreas e o tamaño medio de parcela forestal anda en menos de 0,8 hectáreas. Polo que falar hoxe en día de que hai xente no rural que vive do eucalipto ou que ten nesta especie un nivel de ingresos que lle permite afrontar a crise, como din, é absolutamente manipulador.

Os ingresos obtidos representarían como moito un complemento en todo caso reducido. O que hai que facer é garantir que exista un nivel de ingresos digno no rural a través da actividade principal, sexa agraria, gandeira... mais o goberno que temos renuncia a dar a batalla por iso. Neste sentido, estanmos a luz doutros territorios onde si que traballan en diferentes alternativas agrarias.

Agora mesmo quen argumenta ese tipo de cousas son aqueles grandes propietarios que teñen 9 ou 10 hectáreas en propiedade, non os veciños do rural.

A eucaliptización é tamén unha perda de paisaxe, de identidade e de cultura. Supón unha imposición de facto dun tipo de aproveitamento fronte a outros que interesadamente son omitidos.