Sumar a sociedade á defensa para o monte galego de modelos alternativos á eucaliptización

asemblea eucaliptización

Perto de vinte colectivos e asociacións participaron na I Asemblea contra a eucaliptización que tivo lugar en Moaña, que terá continuidade en novas asembleas en diferentes comarcas do país.

A I Asemblea contra a eucaliptización reuniu en Moaña 18 colectivos e asociacións do campo do ambientalismo, comuneiros ou organizacións agrarias para debater en torno a que resposta dar a esta problemática. Houbo consenso nos asistentes en valorar “moi negativamente” a situación dos montes galegos após 25 anos de vixencia do Plan Forestal. A expansión do eucalipto foi nestes anos moi superior ao previsto no propio plan. Ao tempo, existe unha ampla desconfianza entre estes colectivos a respecto da reforma que o goberno galego quer facer de dito plan.  

Na Asemblea valorouse a importancia do momento para mobilizar a sociedade a favor doutros modelos para o monte galego alternativos ao actual, aproveitando a “preocupación xeral” que existe entre a cidadanía a respecto da eucaliptización. Froito do debate, na xuntanza de Moaña os asistentes acordaron unha serie de postulados sobre os que traballar en vindeiros encontros de cara a elaborar propostas concretas.

Así, parten de destacar a importancia do monte veciñal e en man común ao tempo que apostan “nunha valoración do monte que integre os aspectos ecolóxicos, paisaxísticos, culturais e de identidade, ao mesmo tempo que os económicos e produtivos”. Destacan a importancia de socializar as alternativas á eucaliptización así como incidir nas esferas precisas para acadar a mudanza das políticas actuais para o monte.