Convocan unha asemblea para "organizar unha resposta" contra a eucaliptización de Galiza

Terá lugar en Moaña este sábado, 11 de marzo. As convocantes apuntan que nas vindeiras semanas até en cinco comarcas de Galiza poderían desenvolverse encontros similares. 

A Biblioteca da Casa da Cultura Daniel Castelao de Moaña acolle este sábado, ás 11:30 horas, a primeira Asemblea contra a eucaliptización, convocada polos colectivos Erva e Loita Verde e dirixida a entidades e asociacións ambientalistas, culturais, comunidades de montes, organizacións agrarias... así como a persoas interesadas.

A asemblea convócase coa intención de ser un primeiro paso de cara a novas xuntanzas e reunións ao longo de Galiza. Desde as convocantes apóntase que nas vindeiras semanas decorreríán citas deste tipo en cinco comarcas máis.

O obxectivo destes encontros é, indican nun comunicado, “debater e contrastar as posibilidades de organizarmos a nivel de país unha resposta a curto prazo contra a eucaliptización”, envolvendo nela a cantas organizacións, colectivos e persoas “sintan a necesidade de pór na axenda unha outra visión dos nosos montes e as nosas árbores”. Ademais, tamén se valoraría a posibilidade de constituír “unha asociación específica” para tal fin.

Indican que a eucaliptización é unha ameaza “non só as nosas fragas, carballeiras, hábitats de interese e espazos naturais de grande valor senón que tamén os sectores produtivos básicos “para a pervivencia do noso medio rural están en perigo”.