Un estudo indica que o Aplidin é cen veces máis potente que o actual tratamento contra a Covid e dispara Pharmamar en Bolsa

Imaxe de arquivo da sede de Pharmamar. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Un estudo internacional publicado na prestixiosa revista Science.

O Aplidin, o antiviral da biotecnolóxica PharmaMar (fundada como subsidiaria da galega Zeltia, á que acabou absorbendo), recibe un importante pulo cos primeiros resultados dun estudo internacional publicado na prestixiosa revista Science.

O estudo indica que este fármaco, concibido inicialmente para tratar o cancro, é cen veces máis potente que o remdisivir, o tratamento que se está usando actualmente contra a Covid-19. Segundo este estudo, o Aplidin bloquea o virus independientemente de cal sexa a súa cepa.

As accións de  PharmaMar disparábanse en Bolsa máis dun 15% nos primeiros compases da sesión de hoxe despois do informe publicado na revista científica Science. En concreto, os títulos da compañía anotábanse unha suba do 15,1% pasadas as 10:00 horas, até intercambiarse a un prezo de 100,9 euros.

O articulo relata que "a actividade antiviral de  plitidepsina contra o  SARS- CoV-2 prodúcese mediante a inhibición da coñecida diana  eEF1A" e engade que  plitidepsina 'in vitro' demostrou unha "forte" potencia antiviral, en comparación con outros antivirais contra o  SARS- CoV-2, cunha toxicidade limitada.

Así, en dous modelos animais diferentes de infección por  SARS- CoV-2 o ensaio demostrou a redución da replicación  viral, o que resultou nunha diminución do 99% das cargas virais no pulmón dos animais tratados con  plitidepsina.

O estudo tamén afirma que, aínda que a toxicidade é unha preocupación en calquera antiviral dirixido a unha proteína da célula humana, o perfil de seguridade de  plitidepsina está ben establecido en humanos e, que as doses ben toleradas de  plitidepsina utilizadas no ensaio clínico Covid-19, son "significativamente máis baixas" que as utilizadas nestes experimentos.

Esta publicación foi froito da colaboración entre  PharmaMar e os laboratorios de Kris White, Adolfo García-Sastre e Thomas  Zwaka, nos Departamentos de  Microbioloxía e de Bioloxía Celular,  Rexenerativa e do Desenvolvemento, na Icahn School  of  Medicine; de  Kevan  Shokat e Nevan  Krogan, no Instituto de  Biociencias Cuantitativas da Universidade de California San Francisco, e de Marco  Vignuzzi no Instituto Pasteur de París.