O estudo do medio mariño en Cabanas comeza a recibir os seus primeiros froitos

Iago Varela (terceiro pola dereita), no acto de recollida do premio en Narón. (Foto: Nós Diario)
O CIMM de Cabanas é galardoado polo seu traballo de difusión.

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM) recibiu esta quinta feira o premio ao mellor proxecto realizado polas Administracións Locais no GALP Golfo Ártabro Norte.

Estas iniciativas foron desenvoltas entre os anos 2016 e 2022,  ao abeiro do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020.

O tenente de alcalde de Cabanas e responsábel do proxecto, Iago Varela, foi o encargado de recoller o galardón durante o transcurso dunha gala que tivo lugar en Narón e que foi conducida pola xornalista Marta Docampo.

Varela quixo compartir o premio “con todas as persoas involucradas no desenvolvemento do proxecto”, e destacou “a contribución do CIMM para dotar Cabanas dunha oferta turística de calidade para crear emprego e riqueza entre a poboación local”.

Actividades realizadas no CIMM

O CIMM naceu polo impulso da área de medio ambiente do Concello de Cabanas. Deseñado como “un espazo de encontro para a veciñanza e visitantes”, o seu obxectivo é “afondar no coñecemento e a divulgación de contidos ligados ao mar e á cultura mariñeira”.

Posto en marcha hai cinco meses o Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas acolleu xa varias exposicións temporais en colaboración con diversas entidades, así como obradoiros con escolares, rutas interpretativas e unha “innovadora” sesión en directo para coñecer o fondo mariño da zona, para a que foi preciso “un importante despregamento tecnolóxico”.

Ademais, no espazo do CIMM, construído especificamente para este proxecto, tamén levaron diferentes actividades, como un ‘showcooking’ de elaboracións a partir de produtos mariñeiros e de proximidade; o desenvolvemento de contidos didácticos para escolares; e saídas para coñecer a contorna marítima de Cabanas.