Un estudo da USC pide "consolidar a sustentabilidade" da pesca artesanal

Marisqueo na parroquia de Esteiro, Muros (Foto: USC).
Destaca a "resiliencia" diante a redución de orzamento público.

Un estudo realizado na USC demostra “a resiliencia” da pesca artesanal na Galiza ao manter os elementos  básicos, "chave", para resistir ao longo do tempo, mais pide "consolidar as transformacións sostíbeis" de cara o futuro. É unha das conclusións da primeira investigación que se realiza sobre os cambios transformadores neste sector no país.

O traballo, encabezado polo profesor Sebastián Villasante, tiña como obxectivo documentar o estado actual da arte das pesqueiras galegas a pequena escala e avaliar as innovacións e os cambios ocorridos no período 1990 e 2020, así como analizar se existiron cambios transformadores e, de non ser o caso, determinar os obstáculos que o impedisen. 

Segundo explica a USC nun comunicado, a investigación, que parte dos casos de estudo do marisqueo a pé e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos, destaca o mantemento dunha alta diversidade de especies capturadas, unha conexión institucionalizada entre as partes interesadas e as comunidades pesqueiras, ademais da participación activa a través dos procesos de toma de decisións. 

O traballo conclúe ademais que a pesca artesanal galega foi capaz de preservar elementos básicos que permitiron manter a  resiliencia destes sistemas socio-ecolóxicos mariños "grazas aos profundos cambios nos procesos sociais e ás normas da pesca artesanal galega".

No exemplo empregado polo estudo seguiuse un novo sistema de coxestión entre confrarías e administración, asesorado por científicos e baseado nos dereitos de uso territoriais. 

Os obstáculos

A investigación recoñece que o proceso de "construción colectiva" foi "complexo” e na actualidade conta con obstáculos que o poñen en risco como son "a redución do orzamento público para cubrir os custos de vixilancia asignados pola Administración autonómica e a falta de apoio dalgunhas confrarías que pescan na reserva". Isto, explican, está a provocar un aumento da pesca furtiva, das actividades de pesca ilegais dentro e fóra da reserva e unha menor eficacia da mesma.

Os autores insisten en que "é esencial comprender mellor cando e quen pode desencadear, apoiar e implementar intencionadamente as transformacións cara á sustentabilidade, incluíndo a visión do coñecemento tradicional dos pescadores, para fomentar os cambios desexábeis". Villasante alerta, ademais, de que hai que "evitar as solucións únicas" para as diferentes contornas locais.