mércores 08/12/21

A pesca artesanal rebélase contra o regulamento de control da UE

Todas as confrarías están convocadas a un paro esta sexta feira en protesta polo regulamento que quere aprobar a UE. A Federación enviou informes sobre o sector a todas as eurodeputadas e eurodeputados para que muden a proposta. O seu presidente mantivo unha reunión con Clara Aguilera sen resultado.

Mobilización no porto da Coruña do sector da pesca artesanal o pasado mes de marzo (M. Dylan / Europa Press).
Mobilización no porto da Coruña do sector da pesca artesanal o pasado mes de marzo (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A frota artesanal galega e o marisqueo a pé están convocados esta sexta feira a manifestarse en contra da modificación do regulamento comunitario de control das capturas que realicen. As confrarías defenden que o control da frota é necesario, mais consideran que hai condicións especiais que impiden que a frota artesanal poida cumprir esta norma europea.

Xa se mobilizaron o pasado 26 de marzo cun paro que foi considerado "un éxito" por parte da Federación Galega de Confrarías, entidade que reúne máis de 4.300 embarcacións. O seu presidente, José Antonio Pérez Sieira, segue asegurando que esta normativa "é imposíbel que se cumpra" e conta que "temos máis embarcacións de baixura que toda Europa" polo que as "protestas seguirán".

O sector está en contra da remisión de datos desde os barcos antes do desembarque, en contra da remisión individual dos datos da faena das mariscadoras a pé desde a praia, da instalación de cámaras en embarcacións de pequeno porte, así como da xeolocalización de buques que traballan agrupados a escasas millas da costa.

Paro nos portos galegos

A mobilización implica a paralización do sector que decidiu non saír ao mar. Desde Ribadeo até A Guarda, as confrarías galegas organizaron concentracións nos portos pesqueiros de profesionais, nas dársenas portuarias e as embarcacións realizarán pitadas ás 12 do mediodía. As concentracións máis importantes están previstas en Ribeira, Illa de Arousa, Burela, Bueu e na ría de Pontevedra, mais desde a a Federación afirman que tamén confirmaron a presenza doutros pequenos portos.

A mobilización contará, ademais da participación galega, coa do porto de Santa Pola, en Alacant. "Desta vez non poderán parar en Asturies, segundo nos dixeron por non darlles tempo para organizarse", explica o responsábel das confrarías. Como daquela, o lema da concentración é "Non á modificación do regulamento de control, somos pescadores non delincuentes".

Informes da Federación

Desde a Federación enviaron informes sobre o sector ás e aos eurodeputados do Estado español. "Queremos que saiban de primeira man como se traballa", indica a Nós Diario Pérez Sieira. Após o envío desta documentación, o seu presidente mantivo unha videoconferencia con Clara Aguilera onde, segundo explica, esta eurodeputada socialista mantivo a súa postura favorábel ao borrador actual.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

En todo caso, o sector é consciente de que aínda falta por ver como redactará a comisión o texto final da normativa polo que contan con seguir facendo presión. "A loita non acaba aquí, temos que confiar na cordura e na capacidade dos nosos eurodeputados para captar a realidade da frota e a defensa dos nosos intereses".

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresa o seu apoio ao paro e coincide en sinalar que "hai unha última oportunidade de modificar o regulamento europeo e así evitar a discriminación destes sectores primordiais para a economía galega". Tamén lembra que "hai dúas semanas o Parlamento galego aprobou que a Xunta reclame ao Estado español a exclusión do marisqueo desta normativa".

Unidade de todas as confrarías galegas na defensa do seu traballo

A Federación Galega de Confrarías salienta a "total unión" do sector para defenderse desta normativa europea. Cualifican de "sen precedentes" as mobilizacións diante dun regulamento que consideran "totalmente desatinado e que causará graves prexuízos á frota". O paro desta sexta feira demostra, para a Federación, que o sector pesqueiro artesanal na Galiza "forma unha piña na defensa dos intereses da súa frota e as súas organizacións".

A pesca artesanal rebélase contra o regulamento de control da UE
comentarios