A pesca tradicional resiste a pandemia

A frota pesqueira galega do cerco está en plena campaña do bocarte no Cantábrico e mira de reollo o bambeo dos prezos nas lonxas. Seguen ao xurelo e piden subir a cota da sardiña para superar unha situación que coas estritas normas de seguridade contra a COVID-19 failles as xornadas máis inseguras por mor da mobilidade. 
Mar pesca barco Mikel arrazola
photo_camera (M. Arrazola)

O sector da pesca tradicional do cerco na Galiza leva como pode a situación provocada pola pandemia da COVID-19. Iniciou a campaña do bocarte o pasado 20 de abril, catro semanas máis tarde do habitual, coa incerteza dunha situación nunca antes vista. A cota anual para esta especie tan prezada é de 28.702 toneladas que se teñen que repartir entre embarcacións da Galiza, Asturies, Cantabria e Euskal Herria.

"Cando comezamos os prezos estiveron polo chan, vendíase a 30 céntimos o quilo polo que era inviábel seguir traballando se as cousas seguían así", explica a Nós Diario Andres García, voceiro da Asociación de Armadoras e Armadores do Cerco da Galiza (Acerga). O bocarte é importante para o sector pola escaseza de peixe nas nosas costas. "O único que temos é abundancia de sardiña, mais cun tope de 1.000 quilos diarios escaso e cunha cota moito máis escasa que o tope de capturas, 1.860 toneladas para todo o Cantábrico Noroeste até 31 de xullo", explica o voceiro da asociación, "veremos até onde chegamos", engade.

Os últimos días o prezo do bocarte remontou e agora vai desde 1,50 euros o quilo o máis pequeno até 3 euros o quilo o máis grande. "Agardemos que siga así, mais non podemos saber como estará mañá", afirma García.

Conserveiras e hostalaría

As principais compradoras de bocarte son as empresas conserveiras seguidas da hostalaría. As primeiras reduciron as compras polas actuais circunstancias de emerxencia sanitaria e teñen dificultades para desenvolver o seu traballo con normalidade polas exixencias de seguridade que lles obriga a reducir persoal. A segunda está fechada e aínda non se sabe cando e en que condicións poderá volver a unha normalidade que xa non será igual.

Diferente é a situación doutras especies como a sardiña ou o xurelo. "A sardiña sempre tivo o seu mercado de fresco", explica García, "mais perdemos mercado pola redución de cotas tan exaxerada que hai". Desde Acerga aseguran que a actual redución de capturas non é necesaria posto que "o caladoiro agora mesmo está máis que ben". En todo caso, o que mantén agora mesmo a frota galega "desde hai tres ou catro anos" é o xurelo. 

Modificar a cota

Estas restricións para a pesca tradicional inciden moito no traballo do cerco. "A frota ten que se dedicar case en exclusivo ao xurelo polas cotas", explica o voceiro de Acerga. Esta asociación conta que nun estudo que se realizou este mesmo ano na costa portuguesa e no Golfo de Cádiz descubriuse que houbo "un aumento moi importante de biomasa" e apunta que noutro que se tiña que realizar na costa galega que quedou suspendido polo estado de alarma "o resultado sería igual de positivo". A asociación mantivo conversas "non presenciais" mais a reunión na que tiñan que participar o Goberno español e o portugués suspendeuse con motivo da pandemia. En todo caso, o sector é crítico coa política que levan ambos os Gobernos. "Non apostan abondo pola flota para poder capturar máis sardiña da cota que temos", opinan.

Comentarios