Investigación

É posíbel clonar os castiñeiros máis fortes e produtivos?

Detalle dun dos experimentos con castiñeiros. (Foto: Ricardo Castro).
A investigación aborda as bases xenéticas que frean ou favorecen o enraizamento dos castiñeiros.

Unha tese desenvolvida na USC por Ricardo Castro Camba afonda nos mecanismos hormonais e xenéticos que producen a perda da capacidade dos castiñeiros para o enraizamento co obxectivo de lograr a clonación de exemplares máis resistentes e produtivos.

Segundo explica a universidade nun comunicado, o cultivo in vitro permite a clonación de árbores seleccionadas que presenten unha característica desexada, como a resistencia a un patóxeno determinado ou unha alta produtividade de madeira ou froito. Porén, estas condicións sobresaíntes só se observan cando a árbore xa é adulta, momento no que son incapaces de desenvolver raíces, o que impide que as árbores clonadas no laboratorio poidan ser plantadas na terra.

Secuenciación xenética

Así, por medio de dúas liñas in vitro, unha xuvenil e outra adulta, derivadas dun mesmo castiñeiro e a través de experimentos de enraizamento con fitohormonas identificáronse os principais factores hormonais que afectan o enraizamento das plantas xuvenís e adultas. "Grazas a isto poderemos deseñar protocolos para o enraizamento de castiñeiro, polo que daremos clonado árbores resistentes a enfermidades e máis produtivas, o que se traduciría en importantes beneficios económicos e ecolóxicos", explica Ricardo Castro.

Unha vez obtidos os datos dos enraizamentos realizáronse experimentos de secuenciación masiva do ARN. Isto permite coñecer cales son as bases xenéticas que inducen ou reprimen a formación de raíces, o modo no que actúan as hormonas e se relacionan entre elas, ademais, de axudar a entender como as mesmas hormonas actúan de forma diferente na mesma árbore en función de se esta xa madurou ou aínda non.

A tese, titulada Mecanismos reguladores da competencia para a rexeneración de raíces adventicias en especies leñosas foi dirixida polos doutores Conchi Sánchez e Jesús Vielba, da Misión Biolóxica da Galiza-CSIC e titorizada por Andrés Baselga, da Universidade de Santiago de Compostela.