reportaxe

A volta ao mundo da bandeira galega: 18 países e cinco continentes en sete meses

Alfonso Díaz 'Foni', coa estreleira a costas en Australia. (Foto: Cedida)
Alfonso Díaz 'Foni', un profesor que se xubilou aos 60 anos decidiu viaxar polo mundo "sen billete de volta". Sempre, iso si, coa bandeira galega a costas.

Alfonso Díaz, coñecido como Foni, era profesor de xeografía e historia no IES Illa de San Simón (Redondela) até que se xubilou en febreiro deste ano. Fixo a maleta e en marzo comezou a súa volta ao mundo polas Antípodas, a parte ancha da Terra. En sete meses visitou 18 países dos cinco continentes habitados: Singapur, Australia, Nova Zelanda, Chile, Perú, Paraguay, Brasil, Arxentina, Uruguai, Costa Rica, Panamá, Nicaragua, Colombia, Cuba, Bulgaria, Turquía, Emiratos Árabes e Uganda. E sempre acompañado da bandeira galega, a estreleira.

"Saíra sen billete de volta". Así comeza o relato da súa viaxe. Só tiña billete de ida a Singapur e a Australia; non sabía que ruta ía seguir, todo dependía das circunstancias. "Eu fun viaxeiro toda a miña vida, desde rapaz". Relata que el viviu na época da Transición e que daquela xa se movía moito pola Península. Logo fíxose profesor, e o ensino se algo ten é a dispoñibilidade de tempo. Foni collía tres semanas e as xuntaba cas vacacións de Semana Santa ou de Nadal para viaxar. Antes de esta volta ao mundo xa tiña feito viaxes "de aventura", de ir pola súa conta e sempre gustou dos espazos naturais. Por exemplo, África percorreuna practicamente enteira, baixou o Amazonas, fixo trekking no Annapurna...

Xa outras veces levara a bandeira consigo nas súas viaxes, de feito na súa foto de perfil, sacada nos 80, sae el coa bandeira xunto cuns masáis. Desta vez, ao tratarse dunha viaxe longa decidiu levala e ir facendo fotos polos sitios polos que ía, ao principio sacaba a típica foto, despois foise volvendo algo máis serio. Cando xa levaba tres ou catro meses "cheguei a pensar que si cadra ninguén dera a volta ao mundo ca bandeira galega", conta.

"Eu fun viaxeiro toda a miña vida, desde rapaz", comenta Foni Díaz. (Foto: Cedida)

Foni, que foi profesor durante 37 anos, cre que un dos problemas que ten o profesorado é chegar á xente. O mesmo feito de levar a bandeira é para "normalizar e socializar os nosos símbolos, que teñan autoestima", explica a tenor do izado de bandeira que convocou Vía Galega polo 105 aniversario da I Asemblea Nacionalista. Busca que a xente vexa como algo normal pór a bandeira galega. Ademais, foi o responsábel de Normalización Lingüística nun instituto de Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra) no que traballou anteriormente e quere transmitir que temos un idioma que nos permite comunicarnos. "En Mozambique e Brasil falábamos perfectamente en galego", contaba a anécdota dunhas viaxes que realizou ca súa muller e a súa filla.

Conta que estivo en participando en mobilizacións en Chile, di que alí hai un certo descontento co goberno actual "tristemente está medrando o fascismo alí", explica. Despois estivo en Perú, onde di que se implicou bastante, "o país estaba moi combulso na época que estiven alí". Relata a situación dun país tras un golpe de Estado contra o presidente electo e cos sectores. Fixo e difundeu vídeos das mobilizacións e as protestas dos sectores populares e indíxenas en Lima.

En Arxentina estivo ca Asociación das Nais da Praza de Maio, e fixo un vídeo falando ca súa representante, Carmen Arias. Trátase dunha asociación formada durante a última ditadura da República Arxentina co fin de recuperar con vida aos detidos desaparecidos. "Xa son unhas señoras maiores e van quedando pouquiñas as pobres, pero ahí están resistindo", así falaba deste grupo de mulleres. Conta que todas as quintas feiras dan voltas diante da Casa Rosada, a Sede do Poder do país, e el participou nisto. Tamén entrevistou a un home que fora guerrilleiro dos Montoneros que estivo na Escola de Mecánica da Armada, descríbeo como "un centro de tortura". "Pon os pelos de punta todo polo que pasou este home, e sobreviviu, que moitos outros compañeiros del están desaparecidos".

Foni Díaz, coas Nais da Praza de Maio. (Foto: Cedida)

En Colombia estivo nas comunas onde Pablo Escobar reclutaba aos seus sicarios. Nalgunhas delas na actualidade están entrando turistas e están tratando de recuperalas. Xa regresando cara Europa pasou por Cuba, e a impresión que tivo non foi boa, "penso que a situación do país está bastante mal, e que non só se debe ao bloqueo". De volta tamén pasou por Emiratos Árabes, "ese despropósito de lugar de opulencia e contrastes". Porque segundo di o ex profesor, a meirande parte de xente non ten dereitos, porque son inmigrantes e que "viven alí traballando de sol a sol", na construción por exemplo.

Acabou a súa viaxe en Uganda, un lugar onde estivera xa outras veces. "Sempre gostei de ir a África, pero creo que as cousas están cambiando nun punto pero non para mellor", Foni se refira a temas como a ecoloxía, a explosión demográfica debida a "unha natalidade desbordada, das máis altas do mundo" e o capitalismo salvaxe que carrexan problemas como por exemplo a irrupción do eucalipto en lugares como Etiopía e Uganda.

A estreleira de Foni Díaz, en Uganda. (Foto: Cedida)

"Entón digamos que foi unha viaxe na que a parte de ver lugares fermosos e espectáculos da natureza, tamén tratei de implicarme", conclúe. A súa maneira de implicarse foi visibilizando este tipo de situacións "penso que unha maneira de transmitir mensaxes son as redes sociais, por iso fixen algúns vídeos desta viaxe e subinos, uns de brincadeira e outros máis serios", referíndose aos publicados na súa conta de Facebook, 'Foni Díaz'. Engade que non está a favor do turismo masivo que estamos sufrindo na Galiza, poñendo o exemplo de Compostela, e di que a el lle gusta "un turismo sustentábel e de implicarse coa xente e as comunidades”.