A bandeira galega, no máis alto, conmemora os 105 anos da I Asemblea Nacionalista

Izado da bandeira galega no parque do Castro, en Vigo. (Foto: Nós Diario).
Máis de 160 concellos da Galiza atenderon o convite de Vía Galega para recoñecer e propagar os símbolos nacionais da Galiza no aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala.

Após unha semana de engalando fiestras, varandas, solainas e balcóns, a bandeira galega recibiu a homenaxe de máis de 160 concellos da Galiza nun acto simultáneo que conmemorou os 105 anos da I Asemblea Nacionalista.

Foi a culminación dunha campaña que Vía Galega vén desenvolvendo para divulgar e propagar os símbolos nacionais da Galiza, o himno e a bandeira.

Aniversario

A entidade elixiu a semana do 13 ao 18 de novembro para conmemorar a efeméride da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que tivo lugar en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918.

No mesmo día do aniversario Vía Galega foi partícipe de "actos expansivos" en 165 localidades de toda Galiza, onde izaron a bandeira e festexaron os símbolos nacionais con música e poesía.

Compostela, A Coruña, Vigo , Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Teo, Ribeira, Outes, A Pobra, Muros, Mazaricos, Arzúa, Fene, San Sadurniño, Cedeira, A Guarda, Melide, Foz, Moaña, Pobra de Brollón, Samos, Salceda, Tui, Rianxo, Oroso, Taboada, Brión, Redondela, Melide , Arzúa, Corcubión, Narón , Pontedeume, Soutomaior... participaron dos actos qeu concluíron, en medio cento de localidades coa lectura dun manifesto referido "á xénese e significado dos nosos símbolos, á relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercer e existir como galegos e galegas".

Símbolos nacionais

En moitos dos concellos participantes, a bandeira seguirá ondeando no futuro e noutros, que non se puideron sumar este sábado á convocatoria, colocarana no futuro, confirmaron desde o colectivo impulsor da iniciativa.

"Se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen Estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son a expresión da nosa existencia como Pobo e do dereito a sermos libres. Os nosos símbolos nacionais únennos como galegos e galegas e fortalecen a nosa identidade colectiva", remarcou Vía Galega nun comunicado.

No mesmo texto expresou a súa satisfacción polo resultado desta xornada "reivindicativa de izado da nosa bandeira" e agradeceu "a resposta activa para que está semana se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas".

Manifesto

"A bandeira de Galiza
é dun branco inmaculado
con unha banda de azul
que a atravesa lado a lado

E no medio do azul
–cores do ceo e do mar–
a estrela de cinco puntas
como un facho a relumbrar..."

Fragmento do poema a "A bandeira" do libro As rúas do vento ceibe, de Manuel María.

"Este acto de colocación e izado da nosa bandeira, coincidente con outros que a esta hora se están a realizar por toda Galiza, encádrase na campaña que Vía Galega vén promovendo para divulgar e popularizar os nosos símbolos patrios, o himno e a bandeira, e coñecer a súa xénese, historia e significado. A bandeira galega ten as súas orixes, inicialmente, como concepto, como idea de Galiza e a defensa dos seus intereses. No derradeiro cuarto do século XIX as cores azul e branca eran as cores identificadoras da bandeira galega. Visíbel xa na Galiza polo menos dese o ano 1878 até a súa forma oficial actual. A súa popularización foi a máis no século XX e sobre a franxa azul foron aparecendo outros elementos diferentes ao cáliz, como a serea debuxada por Castelao e a estrela de 5 puntas que alcanzou unha grande popularidade e simbolismo político, ao ser a bandeira acollida polo soberanismo como propia".