Estratexias: Dmax ou Divinity?

A rapazada lendo o 'Nós' e o 'Sermos' na aula. (Foto: Mariña Pérez)
Ante a lectura da linguaxe inclusiva do xornal 'Nós Diario', parte do alumnado sostén que o machismo non está no código nin na mensaxe, senón no emisor. 

O alumnado de Bacharelato do IES Pondal de Santiago posa gustoso detrás das portadas do xornal. Están agradecidos pola iniciativa e cren que convén espallar máis a prensa escrita entre a mocidade. Pregunto que opcións teñen actualmente de ler un xornal en papel. Poucas. Antes líano nalgún bar ou nun centro sociocultural, pero o confinamento obrigounos a renunciar a iso tamén. Poucos leron antes o Nós Diario. Coñecen a procedencia do nome do xornal, a idea coa que nace, o compromiso coa lingua. Comezamos lendo a eito titulares para analizar se son valorativos ou non. Ten algo de experiencia persoal compartirmos a lectura da prensa na aula. Eu trato de explicarlles a actividade, pero logo están ao seu: bolen a ollar a portada, a contraportada, remexen, cáenlles as follas, buscan as novas de deporte e, á fin, detéñense no máis relevante… os pasatempos!

Chámalles a atención que apenas haxa páxinas de noticias internacionais, en plan, que Galiza sexa o foco da atención informativa e a liña editorial marcadamente nacionalista. Pouco a pouco, acabamos falando da lingua, das opcións normativas, do tratamento da linguaxe de xénero. Descolócaos moito a opción do feminino plural como marca de xénero neutro: "O fechamento provoca perdas de emprego a 7.000 traballadoras fronteirizas" (referido a homes e mulleres). Dálle máis presenza ás mulleres? Pregunto. Aínda non. Moi confuso. Cuestión de tempo, se cadra? Algunhas están moi de acordo en usalo.

Outras e outros, non tanto. Como xa estudaron o signo lingüístico saben opinar da economía da linguaxe. Hai quen cre que é mercadotecnia, que todo iso está estudado para incrementar a demanda comercial, como Divinity é unha canle orientada ao mundo feminino, e DMax ao masculino. Pura logaritmoloxía.

Argumentan con boa lóxica contra as ambigüidades que poden darse: "As galegas cometeron máis infraccións de tráfico este ano" (referido a condutores e condutoras). É obvio que como titular non arrequece a consideración das mulleres, non fomenta un sentimento paritario precisamente, a pesar de usar o feminino plural. Nun titular como: "As solteiras de Gaza precisan permiso para saír, hai que desfacer anfiboloxías", nese exemplo o feminino plural só se refire ás mulleres discriminadas. Como saber cando o titular se refire só ás mulleres, ou a homes e mulleres? Lendo a entradiña ou o antetítulo, por exemplo. 

Conversamos sobre o controvertido tema e pido unha reflexión: como debe a sociedade canalizar o incremento do sentimento feminista? Credes que será un movemento superficial ou ten profundidade de seu? Como se resolve o uso tradicional e estendido do masculino xenérico? É máis representativo o “todos e todas”? É unha solución que convive coa economía da linguaxe? En definitiva, nunca se lles debeu pedir permiso aos da RAE? 

Uns: o machismo está presente no idioma e hai que atacalo. Outras: o machismo na linguaxe é consecuencia, non núcleo xerador (sic). Os do fondo: a modificación artificial da linguaxe é contraproducente. Algunha indignada na primeira fila: se a RAE aceptou amigovio e almóndiga, ben pode aceptar o plural feminino inclusivo. Que mellor a linguaxe non binaria. Que aínda mellor sería acostumarnos ao -e final: todes. Que algo hai que inventar (etcétera).

Eu sempre contraargumento: Coidado, xa vimos lexisladores, políticos ou docentes que dominan esta nova linguaxe paritaria, pero cando resolven leis ou toman decisións son absolutamente patriarcais e tradicionais. Unha pantalla? Un caramelo? Desvío de atención? Gaña terreo o mero formalismo a costa de silenciar a realidade da loita da muller? Fálase máis da linguaxe inclusiva e menos da desigualdade no eido salarial? Que tal resolver a fenda de xénero nas carreiras de ciencias? Enxeñaría informática: 13% de cota feminina. Coméntolles que nos primeiros anos de docencia, o meu alumnado escribía o feminino de médico como “enfermeira”. Sistematicamente. En serio?

E se tivese máis efecto a linguaxe gráfica? A fotografía amosa roles a evitar e pode lograr a paridade nas imaxes sen estereotipos. Pode ser máis efectista que unha linguaxe que resulte artificiosa ou dogmática? Que quere dicir dogmática? Moi tallante. En plan, que tampouco hai que desdobrar seguido. Pode ser empobrecedor e soar a catecismo, a leria, a contido baleiro. Por outra banda, o feito de recorrer a un termo abstracto ou xenérico, realmente visibiliza máis a desigualdade do ser humano? Non é un contrasentido na lingua? Prescindir do suxeito e substituílo por un neutro ou un colectivo dános máis presenza? 

Hai un pulso entre os anacronismos evidentes da lingua e a súa adaptación social. A idoneidade e o tacto á hora de procurar mecanismos inclusivos na linguaxe pode ser o gran punto de partida. Non nos axuda caer no formulismo se pode disuadirnos de formular evidencias máis complexas. Gol en propia meta. A escolla deses mecanismos, segundo sexa o contexto, a mensaxe e o receptor, pode ser a gran baza a xogar para facerse ver, para darse a valer. Vostedes mesm@s.