Do 9 ao 12 de marzo

'Nós Diario' celebra a semana da prensa

Alumnado de toda Galiza prepárase para conmemorar a 'semana da prensa' na escola. Desde a Consellaría de Educación convidan os centros escolares a escoller un día da semana vindeira, entre o 8 e o 12 de marzo, para traballar nas aulas con xornais. 'Nós Diario' súmase a esta celebración co lanzamento do especial 'InFormarNos'.

Entre o 8 e o 12 de marzo os centros escolares da Galiza conmemorarán a semana da prensa, unha cita internacional que até finais do mes de abril gozará de numerosas réplicas en países de medio mundo.

A proposta convida a encher as aulas de xornais e a reparar na capacidade destes e doutros medios de comunicación como ferramentas didácticas e de información. Unha iniciativa á que Nós Diario decidiu sumar a súa propia achega, un caderno especial elaborado en colaboración cos centros de ensino e a comunidade educativa, que busca celebrar e dar conta da presenza mais tamén das moitas posibilidades que ofrece a prensa na escola.

'InFormarNos'

"A idea xurdiu a raíz da conmemoración oficial que recolle o calendario escolar da semana da prensa, unha proposta que a Consellaría de Educación fixo  coincidir coa segunda semana de marzo, deixando en mans dos centros escolares a escolla dun día para encher as aulas de xornais e traballar con eles". Quen fala é Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, e impulsor de InFormarNos, unha serie de catro fascículos de 12 páxinas cada un que ademais de estreitar os lazos deste xornal cos centros escolares afianzan a vocación de Nós Diario coa información, a formación, a realidade do ensino e da propia Galiza.

Un caderno para formar e informar desde Nós

"InFormarNos atende a unha tripla pretensión que se reflicte ás claras na mesma cabeceira destas entregas especiais. Primeiro xogamos coa idea de informar, unha necesidade á que contribúen os xornais dentro centros escolares, como unha maneira de achegarse á realidade que circunda o ensino. Xogamos tamén coa idea de formar, na medida en que a lectura dos xornais e da información que transmiten forman para a vida e para as circunstancias de cadaquén, tanto do persoal docente como do alumnado. E por último, coa idea de facer todo isto desde nós. Desde Nós Diario e desde nós, persoas que habitamos nun país concreto, neste caso, na Galiza", detalla Xoán Costa.

Esta tripla perspectiva guiou a concepción de catro cadernos que verán a luz entre os días 9 e 12 de marzo, coincidindo coa semana da prensa na escola e cos días lectivos nos que tamén sae Nós Diario. "Consideramos que a iniciativa é suficientemente importante como para dedicarlle máis dun día e para desenvolvela en colaboración cos centros de ensino". 

Desde Nós Diario promoveuse a participación dos centros de ensino secundario para facelos partícipes e protagonistas dunha serie de entregas construídas a partir dun traballo colectivo baseado nos xornais publicados nas últimas semanas.

Nós nas aulas

Desde primeiros de febreiro sumáronse ao proxecto unha ducia de institutos de toda Galiza, máis de medio millar de alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato e unha vintena de docentes de cinco áreas estratéxicas; lingua e literatura galegas, ciencias tecnolóxicas, ciencias sociais, ciencias naturais e clubs de lectura.

"Logramos a participación de profesores e profesoras de lingua galega, matemáticas, música, tecnoloxía, historia, bioloxía, portugués, educación física e filosofía. Todos asumiron o reto de integrar os contidos de Nós Diario nas aulas e de impartir parte da súa materia a partir dos exemplares que lles facilitamos  desde o 16 de febreiro até o 12 de marzo", explica Mar Álvarez, coordinadora das catro entregas de InFormarNos.

O resultado dese esforzo poderase ver, ler e compartir a partir da vindeira terza feira, 9 de marzo. Durante catro días Nós Diario estará á venda nos quioscos polo mesmo prezo co especial de 12 páxinas -o xornal pasará eses días de 32 a 40 páxinas- que afondan na experiencia de aprender a partir de nós.

"O máis interesante vai ser observar a infinidade de formas que hai de introducir a prensa no ensino, nas aulas de galego, mais tamén nas de música ou nas de matemáticas", engade Mar Álvarez, quen agradece moi especialmente o esforzo do profesorado e a resposta do alumnado nun mes moi apertado de actividades e conmemoracións.

Unha idea para perdurar

'InFormarNos' promoveu actividades puntuais e programacións máis transversais que o profesorado se comprometeu xa a manter ante a boa acollida do alumnado. "Todas estas experiencias trasladáronse a artigos e columnas de opinión asinadas polo profesorado mais tamén por alumnos e alumnas", unha sorte de memoria viva e xornalística que dá conta da variedade de propostas e enfoques que Nós Diario logrou trasladar ás aulas. E a canda estas, outras sinaturas profesionais que explican e enriquecen o ensino do futuro. 

Caderno 1

A primeira entrega levará en portada un artigo do escritor Suso de Toro. Ademais, contará coa sinatura de Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS Galegas mais coa participación de alumnado e profesorado de ciencias tecnolóxicas, socias, naturais, matemáticas e lingua galega do IES PontepedriñaIES Arcebisco Xelmírez IIES Félix Muriel, do IES Agra de Leborís e de Juna Manuel do Río, un dos encargados do club de lectura do CPI Vedra

Caderno 2

Pilar Ponte abrirá o segundo fascículo no que intervirán estudantes e docentes tecnoloxía, ciencias, filosofía, portugués e música do IES Eduardo Pondal, IES Pontepedriña, IES Félix Muriel, CPI Viaño PequenoIES Milladoiro; ademais das sinaturas do xornalista Alejandro Álvarez e da psicóloga e orientadora Martina Martínez.

Caderno 3

A terceira entrega de InFormarNos incluirá en portada unha achega do ilustrador Xosé Tomás, e xa no interior, textos da xornalista e profesora Montse Pernas, do profesor Álvaro Ruíz, de Mariana Domínguez, unha das responsábeis do club de lectura do IES Espiñeira, ademais doutras colaboracións de alumnas e docentes do CIFP Someso, do IES Antón losada Diéguez, Xelmírez I e Pontepedriña.

Caderno 4

O derradeiro caderno achegaranos as reflexión da escritora Marica Campo, en portada. E a maiores, outras propostas sobre xénero, da man de Chus Senín, do IES Camilo José Cela, e educación física, con Lidia Herrero, do CPI Viaño Pequeno. Esta cuarta entrega de InFormarNos tamén incluirá artigos da xornalista e profesora Lara Rozados e da escritora e profesora Marta Dacosta, así como un artigo de Ismael Torres, alumno do IES Terra de Turonio.

Se aínda non es subscritora ou subscritor de Nós Diario, podes sumarte nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.