Estradas cortadas, voos suspendidos e falta de electricidade. Así está a afectar 'Ciarán' á Galiza

O temporal 'Ciarán' deixa grandes ondas e refachos de vento na Galiza (Fotos: Carlos Castro / Europa Press).
O temporal de chuvia e vento que azouta o noroeste peninsular desde a cuarta feira está a impactar na mobilidade na Galiza, onde a circulación ferroviaria permanece suspendida desde a tarde do 1 de novembro entre Ourense e Vigo e entre A Coruña e Ferrol.

A borrasca Ciarán está a provocar ao seu paso por Galiza unha chea de incidencias causadas pola climatoloxía adversa que deixou ventos de até 168 km/h nas zonas da montaña do interior do país, intensas precipitacións con máis de 70 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes (Pontevedra) e ondas de case sete metros fronte a Coruña.

Aproximadamente, o 112 Galiza contabilizou 550 incidencias durante a madrugada desta quinta feira relacionadas cos grandes refachos de vento e as fortes chuvias que axexaron a práctica totalidade do territorio galego.

O temporal de chuvia e vento que azouta o noroeste peninsular desde a cuarta feira está a impactar na mobilidade na Galiza, onde a circulación ferroviaria permanece suspendida desde a tarde do 1 de novembro entre Ourense e Vigo e entre A Coruña e Ferrol.

Ademais, a caída de pólas e árbores sobre estradas e a acumulación de auga sobre a vía afectou ao tráfico por estrada e as malas condicións obrigaron a cancelar varios voos no aeroporto de Santiago.

Ventos

Segundo os valores captados por Meteogaliza nas últimas 24 horas, os ventos superaron os 130 quilómetros por hora tanto en puntos da costa como Cedeira (Comarca de Ferrolterra) ou Oia (Baixo Miño), como no interior, especialmente en zonas de montaña como Carballeda de Valdeorras (comarca de Valdeorras) ou Muíños (Baixa Limia). O refacho máximo rexistrouse na Xistral --Muras (Terra Chá)-- con 168 km/h minutos antes da medianoite.

En canto ás choivas, intensas por toda a xeografía galega, Fornelos de Montes (comarca de Vigo) foi o lugar onde máis auga se recolleu con 71,8 litros por metro cadrado, valores nos cales tamén se moveron puntos de como Avión (O Ribeiro), como Forcarei (Terra de Montes) ou como Val do Dubra (comarca de Compostela).

Cortes eléctricos

O temporal provocou cortes na subministración eléctrica, cuns 9.800 clientes afectados, segundo informou UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy.

Desde a cuarta feira, a compañía mobilizou unhas 500 persoas, entre brigadas e operadores de rede, para facer fronte aos problemas de subministración eléctrica causados polo temporal.