Ciarán, Denise, Gérard... Como e quen escolle os nomes das borrascas?

A borrasca 'Aline' obrigou a decretar a alerta vermella na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Todas e cada unha das borrascas que se producen teñen un nome. Mais algunha vez pensaches en como e quen decide que nome se lles outorga? Explicámoscho aquí.

Comeza a ir frío e a Galiza comeza coa súa época de borrascas. Actualmente o país vive a borrasca de nome ‘Ciarán’ que xa deixa múltiples incidencias ao longo e largo do territorio galego. De feito, gran parte do litoral da Galiza encóntrase en alerta vermella por refachos de vento e altas ondas.

Con todo, máis alá das propias borrascas, existe unha pregunta que se levanta e é a seguinte: Como e quen escolle os nomes das borrascas? ‘Aline’, ‘Denise’, ‘Celine’ ou ‘Bernard’ son algúns dos nomes que ultimamente recibiron as borrascas e o proceso de selección é o seguinte.

O 1 de setembro de cada ano os servizos meteorolóxicos de, Francia, Portugal, Bélxica, España e Luxemburgo nomean as borrascas con gran impacto sobre os territorios do suroeste de Europa. Así, por orde alfabética, deciden os nomes de todas e cada unha das borrascas que virán durante o outono e o inverno.

Os nomes van alternando entre masculinos e femininos. Isto, explica a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), débese a que “as enquisas en Reino Unido e Irlanda demostraron que a poboación estaba máis atenta aos avisos previstos de fenómenos meteorolóxicos adversos e ás recomendacións de seguridade cando a ameaza estaba claramente identificada e asociada ao nome da borrasca”.

Unha curiosidade é que, se unha borrasca chegou a ter grandes consecuencias ou provocou catástrofes, o nome que recibiu pasa a estar prohibido a futuros usos.

Non todas as borrascas teñen nome

Efectivamente, non todas as borrascas teñen nome. Soamente son ‘bautizadas’ aquelas que poden producir un impacto considerábel. É dicir, se producen alertas ou grandes refachos de vento.

Ciarán para esta quinta feira

Os efectos da borrasca Ciarán comezarán a se notar desde a tarde desta cuarta feira, pero "en especial" a partir da quinta, con frontes que entrarán polo noroeste peninsular e traerán precipitacións fortes ocasionalmente acompañadas de tormenta no país.