Estes son os actos programados para o Día da Patria Galega

Día da Patria Galega no ano 2019. (Foto: Nós Diario).
O 25 de xullo, Día da Patria Galega volta con forza após dous anos de pandemia.

O Día da Patria Galega vén, como todos os anos, cargado de actos e actividades que, normalmente, se concentran na capital do país, Santiago de Compostela. A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, dá inicio ás actividades xa o domingo 24 ás 17 horas, coa súa habitual homenaxe a Rosalía de Castro e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O emprazamento, tamén como vén sendo habitual, será o Parque de Bonaval da cidade compostelá e o acto contará coas intervencións de Uxía Pérez, militante de Galiza Nova en Bergantiños, Marta Gómez, secretaria xeral da organización xuvenil e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. 

Unha hora despois da homenaxe, Ceivar organiza por décimo quinto ano unha cadea humana pola liberdade das presas e presos independentistas galegos. O punto de encontro será a Praza da Galiza ás 18 horas. Unha das pretensións principais de Ceivar con esta acción é a de "denunciar as ilegalidades e ilegitimidades que estám a sofrer nas prisons espanholas".

A Mocidade pola Independencia (MPI), tamén sae ás rúas este 24 de xullo, no seu caso para reivindicar a liberdade de Chema Naia, condenado a dous anos e dous meses de prisión após verse envolto nunha carga policial que o deixou gravemente ferido. A manifestación de MPI sairá da Alameda de Compostela ás 20 horas.

Tamén ao longo do día 24 terá lugar o Fórum Soberanista en Compostela. As entidades anfitrioas son a Fundación Galiza Sempre, a Fundación Moncho Reboiras e a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. Entre as actividades do Fórum Soberanista están palestras, debates e conferencias na que tamén participarán membros de fundacións soberanistas de Catalunya, Balears, País Valencià ou Euskal Herria.

Para finalizar a xornada, terá lugar o Festigal, organizado por Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e a Comisión Festigal. Entre as actuacións están as de Bratzantifa, a Banda da Loba, Familia Caamagno e Tanxugueiras. O Festigal continúa o 25 ás 18 horas cos concertos de Alberto Mvundi, Os John Deeres, Berto e DJ Ferromona.

En canto aos actos institucionais, a Xunta da Galiza levará a cabo a tradicional entrega das Medallas da Galiza na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela que este ano serán entregadas a Julián Barrio, Paolo Caucci, Begoña Valdomar e José Carro Otero.

Actos do 25 de xullo

Como todos os anos, o BNG organiza manifestación polo Día da Patria Galega que partirá ás 12 horas da Alameda de Santiago baixo o lema Gañarmos o futuro. Finalizará na Praza da Quintana coa intervención da portavoz nacional da formación, Ana Pontón. 

Pola súa parte, o PP da Galiza fará, como é habitual, unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres. 

O PSdeG seguirá a súa tradición de asistir a Rianxo. Levarán a cabo un acto no Paseo da Ribeira diante do busto de Castelao, onte lerán un manifesto coa participación do seu líder, Valentín G. Formoso.

Polo seu lado, Agora Galiza-Unidade Popular, Causa Galiza e o Partido Comunista pola República Galega levan a cabo unha manifestación conxunta ás 13 horas desde a Alameda de Santiago baixo o lema Independencia e socialismo. 

Tanto Anova, como Podemos e Esquerda Unida sinalaron a Nós Diario que non levarán a cabo actos políticos mais, no caso de Anova farán un xantar de confraternidade entre a militancia.