Vía Galega chama a participar nos actos do Día da Patria Galega

A Plataforma Vía Galega fai un chamamento a participar nos diversos actos organizados con motivo do Día da Patria Galega, para manifestarse na capital do país na segunda feira en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ademais de exhibir a simboloxía do país en xanelas, varandas e galerías durante esta semana.

Bandeira da Patria despregada este domingo na regata Bandeira Cidade da Coruña (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bandeira da Patria despregada na Coruña (Foto: Nós Diario)

Desde a plataforma Vía Galega, que agrupa máis de 65 colectivos sociais e culturais, anímase a pendurar a bandeira galega de fiestras, varandas e galerías nesta semana de celebración do Día da Patria Galega.

Unha xornada, recolle a entidade nun comunicado de prensa, en que “milleiros de galegas e galegos defenden e reclaman os dereitos colectivos que lle corresponden á Galiza como nación e, por iso, é bo momento para exhibir os símbolos propios do país”.

Vía Galega pon de manifesto que avoga na súa programación pola “ampliación da conciencia nacional para conseguir o recoñecemento do exercicio do dereito de autodeterminación, para que Galiza dispoña de plenos dereitos democráticos e liberdades colectivas e individuais”.

Así, apela a “incrementar a plena capacidade política, sen subordinación a intereses alleos, para obter unha economía ao servizo do pobo galego que free o espolio dos nosos recursos, cree emprego de calidade e deteña a emigración, xunto con accións que normalicen a nosa lingua, cultura, deportes e ensino”.

Esta segunda feira, Vía Galega distribuirá en Compostela unha publicación conmemorativa do Día da Patria Galega e contará cun posto propio no Festigal, evento que organiza a Fundación Galiza Sempre no campus sur.

Precisamente, a plataforma en defensa dos dereitos nacionais e sociais da Galiza leva meses desenvolvendo unha intensa campaña para reivindicar que as seleccións deportivas poidan participar en competicións oficiais representando a nación. Unha reivindicación que mesmo chegou ao Parlamento da Galiza.

O pasado mes de abril, Vía Galega congregou en Compostela máis de 2.000 persoas que reclamaron "os dereitos políticos asociados á condición nacional da Galiza" e denunciaron "o espolio colonial" ao que se ve sometido o país. A manifestación, apoiada por máis de 60 colectivos, contou coa presenza de representantes da vida política, sindical e social da Galiza.

Comentarios