O Estado español, de loito oficial polo naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Concentración dos familiares dos mariñeiros desaparecidos. (Álvaro Ballesteros/Europa Press)
Os familiares agardan poder reunirse nesta segunda feira co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para insistir en que se retomen canto antes os traballos de busca dos doce mariñeiros desparecidos no mar de Terraonova.

O Boletín Oficial do Estado español (BOE) recolleu o sábado a declaración do loito oficial que gardará o Estado desde ás 00.00 horas até as 23.59 horas desta segunda feira, polo falecemento de nove mariñeiros e a desaparición doutros doce, apos o afundimento do 'Vila de Pitanxo' no mar de Terranova.

Durante todo o día de hoxe, as bandeiras dos edificios públicos e dos buques da Armada española ondearán a medio mastro "como testemuño da dor do Estado español e en sinal de condolencia coas familias e demais persoas achegadas aos falecidos e desaparecidos do naufraxio".

A decisión foi adoptada no Consello de Ministras da pasada sexta feira, após a vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, promovese a proposta.

Despois da reunión ministerial, a portavoz do Executivo español e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, sinalou que con esta declaración tamén pretenden mostrar o seu "apoio" ao sector pesqueiro polas condicións de "penosidade" nas que traballan os profesionais.

Reunión Pedro Sánchez-familiares

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que estará en Santiago de Compostela para recibir os tres sobreviventes do naufraxio e cinco dos nove corpos que puideron ser recuperados, manterá previsibelmente un encontro no aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla cos familiares dos doce mariñeiros aínda desaparecidos.

Os familiares agardan poder reunirse con Sánchez para trasladarlle o seu desexo de que se retome a busca dos seus achegados, que o propio Sánchez asegurou após o comprpomiso das autoridades canadenses de retomar a busca "cando as condicións meteorolóxicas o permitan".

Asemade, pediranlle que destine "medios específicios" a estes labores de procura dos mariñeiros, xa que polo de agora o Estado español só se puxo en contacto con tres pesqueiros galegos que faenen na zona do naufraxio para que "extremen a vixilancia".

O encontro entre o presidente do Goberno é os familiares terá lugar após a multitudinaria manifestación deste domingo en Marín, convocada polos propios achegados dos mariñeiros desaparecidos, e na que insistiron en que non se deterán até "renovar a búsqueda canto antes".