O Estado impulsa a marcaxe de candorcas para minimizar a interacción coas embarcacións na costa galega

Un exemplar de candorca (Foto: Miteco).
A Candorca é un mamífero mariño de hábitos sociais, intelixente, que se encontra presente de forma regular nas augas de xurisdición española, desde o Estreito de Xibraltar e as costas Atlánticas do Golfo de Cádiz e Galiza, até o Mar Cantábrico, onde atopa hábitats esenciais para a súa alimentación.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) anunciou que está a impulsar a marcaxe satelital de seis exemplares de candorcas para minimizar a interacción coas embarcacións que comezaron durante o verán e o outono de 2020, tanto no Estreito de Xibraltar como nas augas da costa galega.

En colaboración coa entidade Circe (Conservación, Información e Estudo sobre Cetáceos), o Ministerio compartirá a información obtida con esta marcaxe ás Administracións competentes, que a difundirán para coñecemento dos navegantes para tratar de reducir o risco de interacción, evitando ou minimizando a navegación polas devanditas áreas, informou a administración nunha nota.

Dentro deste proxecto realizouse xa a marcaxe satelital dun exemplar de candorca, que fora identificado previamente como un dos exemplares que interactúan coas embarcacións.

A información que proporciona esta marca satelital vai permitir, durante o período en que estea a ser operativo o dispositivo, identificar a súa localización nas últimas horas e elaborar un mapa semanal da zona aproximada na cal este exemplar de candorca se estivo desprazando neste período.

Ademais, o Ministerio, a través do proxecto Life Intermares, que coordina a Fundación Biodiversidade do Miteco, e en colaboración coa entidade Circe, iniciou o verán pasado un proxecto piloto para tratar de minimizar as interaccións de candorcas con veleiros no Estreito de Xibraltar.

Estes traballos dan continuidade ao estudo científico desenvolvido a finais de 2021 pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e o Grupo de Traballo da Candorca Atlántica (GTOA, polas súas siglas en castelaán) acerca dos episodios de interacción da poboación da candorca con veleiros en augas da Galiza e do Estreito.

Entre as súas conclusións, instábase a testar técnicas de minimización das interaccións, e a profundar no coñecemento sobre os hábitos da especie.

Seguindo esas recomendacións, este proxecto piloto demostrativo pretende probar diferentes dispositivos e técnicas de navegación para ofrecer unhas pautas claras de actuación, especialmente aos veleiros, que permitan que a súa navegación sexa segura. Tamén se buscará o desenvolvemento de actuacións orientadas á deshabituación das candorcas ás embarcacións.

A candorca

A candorca, explicou o Ministerio, é un mamífero mariño de hábitos sociais, intelixente, que se encontra presente de forma regular nas augas de xurisdición española, desde o Estreito de Xibraltar e as costas Atlánticas do Golfo de Cádiz e Galiza, até o Mar Cantábrico, onde atopa hábitats esenciais para a súa alimentación.

Organízanse en grupos sociais estábeis e atópanse asociados, espacial e estacionalmente, ao stock do atún vermello, o que provoca os seus movementos migratorios. Esta poboación está catalogada como vulnerábel no Catálogo Español de Especies Ameazadas (CEEA), desenvolto mediante o Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro.

Para as especies incluídas no CEEA, o artigo 57 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade prohibe calquera actuación feita co propósito de darlles morte, capturalos, perseguilos ou molestalos.