O Estado español non demandará a Noruega polo conflito dos mariñeiros da Mercante

Long Hope

Non presentará denuncia perante o Tribunal europeo de Dereitos Humanos como reclamaban desde o colectivo Long Hope.

 

Representantes da Secretaría do Estado para asuntos da UE, catedráticos, asesores e avogados estatais comunicaron esta terza feira (26 de maio) aos mariñeiros que traballaron en mercantes noruegueses que non demandarán o país nórdico perante o Tribunal europeo de Dereitos Humanos como lle reclamaban. 

A petición dos mariñeiros organizados no colectivo Long Hope exixen unha solución para o conflito aberto polas súas pensións ao lles negaren os dereitos derivados de décadas de traballo. Os mariñeiros galegos pagaron entre 1952 e 1994 impostos por valor de 520 millóns de euros. Porén, Oslo non recoñece o dereito a pensión ou prestación argumentando que non residían no territorio, pois estaban embarcados. 

Segundo os mariños a decisión vulneraría os convenios de Dereitos Humanos ao "discriminar por nacionalidade" (artigo 14 da Convención europea de 1950).

Porén, o Estado español anuncioulles que non adoptará esta medida mais si que sinalou que presentará unha cuestión prexudicial perante esta instancia na que defenderá unha cuestión semellante. Ora ben, contra Holanda. De saír adiante podería sentar precedente e atinxir o caso noruegués mais isto tamén podería non acontecer. 

Aliás, desde o estado instan os mariñeiros a acudir á xustiza norueguesa na defensa dos seus dereitos e de non obteren resultados, anímaos a levar o conflito por si propios ao TEDH onde, din, os apoiarán.