O Estado desestima un proxecto eólico para as comarcas de Noia, A Barcala, Compostela e O Sar impulsado por Green Capital

Polígono eólico na comarca de Bergantiños (Foto: Engasa)

O proxecto ‘Sete Fontes’ prevía a instalación de nove aeroxeradores cunha potencia total de 54 megawatts. Estes muíños terían 155 metros de diámetro e seis megawatts de potencia cada un, cunha altura de 122,5 metros.

O Boletín Oficial do estado (BOE) publicou esta terza feira a resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Goberno estatal pola que se desestimaba a solicitude de Green Capital para unha autorización previa para o parque eólico ‘Sete Fontes’, de 54 MW de potencia instalada, e das súas infraestruturas de evacuación. Un proxecto que afectaba os concellos de Outes, Negreira, Brión, Rois e Lousame, nas comarcas de Noia, A Barcala, Compostela e O Sar. Contra esta resolución cabía interpor recurso de alzada.

O proxecto ‘Sete Fontes’ proxectaba a instalación de nove aeroxeradores cunha potencia total de 54 megawatts. Estes muíños terían 155 metros de diámetro e seis megawatts de potencia cada un, cunha altura de 122,5 metros. Asociado a isto construirase unha subestación transformadora e todo o tendido aéreo e subterráneo de alta tensión. As liñas deste futuro parque eólico conectarán coa liña dos parques eólicos Maragouto e Banzas, a 115 metros de distancia.

Green Capital Development solicitara en 2020 autorización administrativa previa para este parque eólico. Con data 15 de xuño de 2022, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Goberno estatal emitiu unha resolución pola que se inadmitía a trámite a solicitude de tramitación de procedemento de determinación de afección ambiental do proxecto parque eólico «Sete Fontes», de 54 MW, promovido por Green Capital Development 118, SL, por non reunir os requisitos estabelecidos por lei.

A veciñanza das comarcas afectadas protagonizara diferentes mobilizacións contra este proxecto, así como presentaron alegacións ao mesmo. Nas mesmas, afirmaban que este proxecto era unha “fragmentación de forma fraudulenta” dun proxecto maior. “Estamos ante a fragmentación e tramitación independente en varios proxectos do que é un único Plan eólico industrial. Con isto o que se consegue, ademais da consabida axilidade e simplificación na tramitación administrativa é diluír os impactos ambientais do conxunto da infraestrutura industrial, xa que só se somete a exposición pública determinada parte do plan e de forma fraccionada no tempo”, denunciaban.

Esta resolución dáse a coñecer apenas 24 horas despois de que a Xunta da Galiza desautorizase a construción de dous parques eólicos após a súa declaración de impacto ambiental desfavorábel.

En concreto, a Xunta denegou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións de parque eólico Vaqueira, que pretendía situarse no concello de Outes (comarca de Noia)e era promovido por Greenalia Wind Power.

Situación similar ocorreu co parque eólico Tramontana, que pretendía instalarse nos municipios de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (comarcas de Verín e A limia). Estaba promovido por PE Tramontana, pero tamén obtivo unha declaración de impacto ambiental desfavorábel.