A serra do Larouco evita un dos eólicos proxectados no seu territorio: o parque de Tramontana non se construirá

Unha imaxe da serra de Larouco

A Xunta arquiva o expediente proxecto, que se ía desenvolver nas comarcas da Limia e Verín e que xerou unha forte resposta veciñal. Tamén denegou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións de parque eólico Vaqueira, que pretendía situarse en Outes (comarca de Noia) e era promovido por Greenalia Wind Power.

O parque eólico (PE)  Tramontana, impulsado pola SL con base en Cádiz Four Winds, non se construirá finalmente. O Diario Oficial da Galiza recollía na súa edición desta segunda feira, día 25, o arquivo do expediente do proxecto, que ía afectar tres concellos (Baltar, Cualedro e Xinzo), en dúas comarcas (A Limia e Verín).

Segundo o publicado no DOG no seu día, o parque Tramontana tería oito xeradores con pés de 92 metros de altura e aspas de 102 metros de diámetro. Veciñanza e ecoloxistas dneunciaron que formaba unha ‘unidade’ con outro proxecto eólico a desenvolver nesta serra, o Mistral, con 7 muíños. Entre ambos os dous ocuparían unha superficie de máis de mil hectáreas. Ambos os dous até prevían partillar liña de evacuación.

Colectivos como Eólica Así Non apuntaba a Iberdrola como a empresa enerxética destrás destes proxectos, algo que a multinacional sempre negou. O PE Tramontana tivo DIA desfavorábel. Non vai adiante a propia empresa solicita que se lle devolva a cantidade que achegou en concepto de fianza, ao redor de 1 millón de euros, Unha mostra da oposición a este proxecto foron as máis de 1.400 alegacuións recollida a finais de 2022 entre a veciñanza da contorna.

Arquívase, pois, o expediente do parque eólico Tramontana e cancélase a garantía económica depositada por PE Tramontana 4W, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

“Denégase a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dás instalacións do parque eólico Tramontana, sito nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense) e promovido por PE Tramontana 4W, S.L. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático”.

Desde Stop Eólicos Xurés-Celanova e o Club Parapente Baltar lembran nun comunicado que centos de veciñas e veciños de Baltar e das comarcas da Limia rexistraron alegacións contra o proxecto, e que o Concello de Xinzo de Limia, coa anterior alcaldesa, Elvira Lama, á fronte dunha coalición PSOE-BNG-Axil que apoiou as demandas da plataforma e os colectivos sociais, así como a actual corporación municipal de Xinzo de Limia, que xunto coas de Vilar de Barrio e Trasmiras ten apoiado a demanda dunha moratoria eólica na Limia. 

"Meses despois da DIA desfavorábel ao PE Tramontana, na actualización do catálogo galego de humidais foron recollidas as turbeiras do Larouco (na parte galega, as portuguesas xa estaban documentadas naquel Estado). Estes humidais non foron sequera citados no Estudo de Impacto Ambiental presentado pola promotora, malia que algún dos aeroxeradores se situaba directamente enriba das turbeiras. Ou non as pisaron ou pretendían agochalas. Agora, o Larouco xa conta cun argumento máis para a súa protección diante de proxectos industriais", indica Stop Eólicos.

Outes

A Xunta denegou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións de parque eólico Vaqueira, que pretendía situarse no concello de Outes e era promovido por Greenalia Wind Power. Todo iso tras recibir unha declaración de impacto ambiental desfavorábel formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático.

Desta maneira, tamén se cancela a garantía depositada por Greenalia, por importe de 126.000 euros, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico.