O Estado dá luz verde a unha 'Lei Trans' inzada de críticas

Manifestantes en Compostela na pasada segunda feira, Día do Orgullo LGBT+ (Foto: Arxina).
Após varios meses de leas internas, o Goberno estatal vén de dar o primeiro paso cara á aprobación definitiva da 'Lei Trans', un texto que os colectivos LGBT+ consideran "insuficiente". Desde un sector do feminismo, por outra banda, alertan da "fraude como consecuencia da arbitrariedade".

Finalmente será lei. O Consello de Ministros e Ministras deu luz verde nesta terza feira, 29 de xuño, após un ano e medio de fortes tensións entre PSOE e Unidas Podemos, ao anteproxecto da 'Lei Trans', que nos vindeiros meses deberá ser ratificada polo Congreso. Este proxecto foi unha das principais apostas da ministra de Igualdade, Irene Montero, desde que recalou no cargo. "É unha mostra da fortaleza deste Goberno onde somos capaces de dialogar, negociar e cumprir co pacto de coalición", dixo.

Ao longo deste tempo contou coa firme oposición dos seus socios de Goberno, en especial da vicepresidenta primeira e a súa predecesora na carteira de Igualdade, Carmen Calvo, que finalmente cedeu tras introducir, xunto co ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, senllas modificacións encamiñadas a, en palabras de Calvo, "protexer as e os menores para que non dean pasos que logo queiran reverter".

Deste modo, finalmente o anteproxecto estabelece que as menores de 12 anos non poderán mudar de sexo mais si o nome; entre 12 e 14, deberán contar cunha autorización xudicial para o cambio de sexo, e entre 14 e 16, quer acompañadas dos pais, nais ou titores, quer pola vía xudicial. Todo isto eliminando o requisito de que a persoa dispoña dun informe médico ou psicolóxico que acredite "disforia de xénero" e a obriga de se hormonar durante dous anos, mais deberá ratificar a súa decisión nun prazo de tres meses para oficializar o cambio de sexo ante o Rexistro Civil, a fin de "despatoloxizar" o recoñecemento da identidade das persoas trans, segundo afirmou Montero.

"É un progreso, mais non é suficiente"

Para Cristina Palacios, presidenta da asociación de familias de menores trans Arelas, trátase dunha "nova lei de non discriminación que só dedica tres folios ás persoas trans". "Estamos decepcionadas porque exixe unha tutela por baixo dos 16 anos, polo que non vai mudar practicamente nada nin responde ás demandas dun colectivo moi maltratado. Meteremos as persoas menores en procesos xudiciais que se poden demorar meses ou anos", expón a Nós Diario.

Palacios censura que a lei "non protexe os colectivos máis vulnerábeis", como son "as crianzas, as persoas migrantes e as non binarias", a quen exclúe o documento aprobado por Moncloa, e lembra que as e os menores galegos xa poden desde 2016 mudar o nome no Documento Nacional de Identidade (DNI).

Neste senso incide Patrick Aleix Dopico, activista trans e presidente do colectivo Amizando: "É un pequeno paso adiante, unha base sobre a que seguir loitando, mais deixa atrás moitos dos aspectos que sinalaran como 'liñas vermellas'", explica. Aliás, salienta que a lei aínda debe ser sometida a diferentes trámites burocráticos e parlamentarios, polo que o texto "recortarase aínda máis até quedar en nada".

Tamén Daniela Ferrández, activista trans e pertencente ao mesmo colectivo, lamenta a falta de ambición da lei: "Non se pode negar o progreso, a situación mellora, mais non para todo o mundo. Debemos seguir traballando pola despatoloxización total das persoas trans, que agora faise decretando un prazo de espera, como se a nosa fose unha decisión inestábel que temos que pensar ben".

A este respecto, salienta que o borrador inicial da lei recollía as reivindicacións do colectivo, como o recoñecemento dos dereitos das persoas non binarias. "Moitos problemas resolveríanse permitindo mudar a documentación", engade.

"A arbitrariedade conduce á fraude"

Doutra banda, representantes da Plataforma do Feminismo Radical da Galiza expoñen a este xornal os motivos polos que consideran que pode resultar "prexudicial" esta lei: "Somos mulleres democráticas e progresistas e non estamos en contra do exercicio das liberdades, mais este texto introduce conceptos perigosos pola inseguridade xurídica. A autodeterminación arbitraria é un risco. Se falásemos de autodeterminación fiscal e que calquera persoa puidese elixir cantos cartos tributa, entenderiamos que habería casos de fraude. Neste contexto, coa autodeterminación arbitraria do sexo, acontece o mesmo. A arbitrariedade conduce á fraude", argumentan.

Neste senso, afirman que falan "de feitos, non de hipóteses, con datos reais": "Temos o caso de México, onde nunhas eleccións recentes un partido fixo pasar por mulleres trans 18 homes para cumprir coa 'lista cremalleira'. As cotas de paridade e todos os avances do feminismo deixarían de ter sentido".

Tamén critican que "homes autodeterminados mulleres participen na categoría feminina das competicións deportivas, coa consecuente desigualdade para as mulleres", ou que nos cárceres "poida acceder un agresor sexual a un módulo feminino alegando que é unha muller".

"A lei castiga con até 150.000 euros e tres anos de inhabilitación a un psicólogo ou psicóloga que dea unha resposta que non sexa afirmativa a unha persoa menor que afirme ser do sexo contrario. Baséase en premisas sexistas, é a emotividade contra a racionalidade. Esta lei afecta o 100% da poboación e non hai consenso, e moitas mulleres que difiren dela son vítimas da cultura da cancelación", conclúen.