Entre a esperanza e o receo: os anuncios das vacinas contra a Covid

Mostras das vacinas coas que se traballa en Rusia. (Foto: Europa Press)

Os recentes anuncios de Pfeizer e Moderna sobre a eficacia das súas vacinas xeraron beneficios para ambas dúas empresas, provocaron o entusiasmo en medios e Gobernos e foron acollidas con prudencia pola comunidade científica.

 

Primeiro foi Pfeizer co anuncio de que a súa vacina ten unha eficacia de máis do 90%. Pfizer e o seu socio alemán, BioNTech SE, eran os primeiros fabricantes de medicamentos en anunciar datos exitosos dun ensaio clínico a gran escala dunha vacina contra o coronavirus. Euforia nas bolsas, nos medios de comunicación e nos Gobernos. 

Despois foi Moderna, anunciando que a súa vacina tiña unha eficacia de case 95% e que ía solicitar unha autorización de uso de emerxencia en Estados Unidos nas vindeiras semanas. E hoxe mesmo Pfeizer volveu saír á palestra para asegurar que o seu medicamento tamén ten 95% de efectividade.

Estes anuncios foron acollidos na comunidade científica con prudencia, que non quer dicir con desconfianza, se ben esta si que foi manifestada desde certos sectores.

A Organización Mundial de Saúde (OMS) contabiliza 164 proxectos de vacina contra a Covid-19 desde que este virus deveu en Pandemia. Once deses proxectos están na fase previa á súa comercialización, a fase 3.

Entre elas, as mencionadas de Pfeizer e Moderna. Mais non son as únicas. Outros proxectos que están nesa fase son o desenvolvido en China polo Instituto de Biotecnoloxías de Pequín e a empresa biofarmacéutica Cansino e cuxa patente xa foi rexistrada en agosto. 

Ou o proxecto de vacina ‘de Oxford’, que é a que agarda distribuír a Comisión europea e da que o Estado español espera recibir por volta de 30 millóns de doses. Ademais, o Estado español autoriza o ensaio clínico da vacina de Johnson & Johnson, tamén en fase 3

O optimismo ante a posibilidade de que en breve haxa vacinas aniña nas Administracións. Pilar Aparicio, directora xeral de saúde Pública do Ministerio de Sanidade, manifestaba en outubro (antes dos anuncios de Pfeizer e Moderna) afirmaba: “A vacina vai chegar bastante antes do que pensabamos”.

Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, afirmaba recentemente nunha visita a Galiza que confiaba que as primeiras doses poideran dispensarse a primeiros de ano e que en 5 meses unha porcentaxe “suficiente” da poboación estivese vacinada.

Porén, hai voces que insisten na necesidade da prudencia. Entre elas, J. R. Laporte, catedrático de Farmacoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona, que manifestaba en Nació Digital a respecto dos recentes anuncios ‘triunfalistas’ por parte de empresas farmacéuticas: “É un teatro de especulacións bursátiles. Para algunhas ompañías farmacéuticas a especulación financeira é a principal fontes de ingresos, por riba da venda de medicamentos”.

No mesmo medio, Pere Cardoma, do servizo de Microbioloxía do Hospital Trias, mostrábase esperanzado cos anuncios: “É verosímil que teñamos [vacina] máis cedo que tarde”.

Non axuda á tranquilidade que a industria farmacéutica, nos contratos que negocia coa Comisión Europea, introducise cláusulas para que os Estados membros compartan a responsabilidade no caso de que as vacinas provoquen efectos secundarios indesexados.

A OMS prevé que a vacina contra a Covid tarde uns 18 meses no mínimo, “e mentres tanto hai u nha necesidade urxen te de tratar os pacientes e salvar vidas”, dixo o seu director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

De todos modos, e aínda que a vacina non chegue finalmente até finais de 2021 ou 2022, desde un punto de vista científico obtela en tan pouco tempo é un feito histórico.