A vacina de Oxford deberá agardar até 2021 malia o publicado polo tabloide 'The Sun'

A droga chinesa Sinovac "é a máis segura de todas", afirma Dimas Covas, director do Instituto Butantan de Sao Paulo, que colabora nas probas deste fármaco coa biofarmacéutica Sinovac Biotech.
EuropaPress_3257035_30_july_2020_brazil_sao_paulo_volunteer_at_the_emilio_ribas_institute_for (1)
photo_camera Un voluntario recibe en Sao Paulo a vacina da chinesa Sinovac (Andre Lucas / dpa)

O ministro de Saúde do Reino Unido, Matt Hancock, considerou onte improbábel que a chamada vacina de Oxford contra a Covid-19 poida comezar a aplicarse nas próximas semanas, tal e como asegurou o domingo un periódico británico.

Prepararse para a súa aplicación e contar realmente co produto "son dúas cousas distintas", asegurou o dirixente á cadea  de televisión pública BBC, tras ser interrogado sobre a noticia difundida polo tabloide The Sun.

Segundo o diario sensacionalista, os directivos dun dos principais hospitais de Londres recibiron instrucións de prepararse para recibir os primeiros lotes da vacina que desenvolven a Universidade de Oxford e a farmacéutica anglo-sueca AstraZeneca, tan axiña como a semana vindeira.

En opinión de Hancock, malia que as probas coa candidata a vacina "están a progresar ben", aínda non se chegou a ese punto. "Queremos estar listos para o caso de que todo saia perfectamente, mais non creo que o podamos facer este ano", recalcou o ministro de Saúde.

A vacina de Oxford, como é coñecida popularmente, encóntrase na fase III dos ensaios clínicos, a última antes de poder recibir o visto bo dos entes reguladores de saúde para a súa aplicación masiva entre a poboación xeral.

Seguridade chinesa

Por outra banda, a vacina chinesa CoronaVac resulta hoxe a máis segura contra a Covid-19, segundo Dimas Covas, director do Instituto Butantan de Sao Paulo, que colabora nas probas deste fármaco coa biofarmacéutica Sinovac Biotech.

"É a vacina máis segura de todas as que se proban. Examinouse en máis de 70 mil voluntarios entre o Brasil e a China, 15.000 deles só no Brasil", declarou Covas á cadea de televisión americana CNN.

Detallou que ademais dos exames clínicos, resulta vantaxoso para o xigante suramericano adoptar a CoronaVac pola similitude con outras producidas e distribuídas no país, onde se rexistran máis de 157 mil mortes polo patóxeno. "É unha tecnoloxía coñecida. Butantan domínaa e produce vacinas con ela", remarcou.

A respecto da súa chegada ao Brasil, un dos países máis afectados, dixo que o programa depende da Axencia Nacional de Vixilancia Sanitaria. Do total de 46 millóns de doses acordadas con Sinovac, o instituto planea importar seis millóns. Covas di que se as xestións burocráticas van ben, Butantan pode producir a vacina entre finais de decembro e principios de xaneiro.

Comentarios