Á espera da segunda dose de Pfizer desde xuño: "Xa te chamaremos"

Persoal sanitario sostén unha dose da vacina de Pfizer/BioNTech (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
Mentres fican persoas sen seren citadas para recibir a segunda dose do fármaco, o Sergas bota ao lixo as doses sobrantes cada día.

Continúan os problemas coa administración de vacinas no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Mark Zlick, coruñés que realiza frecuentes viaxes por todo o continente por mor do seu traballo, recibiu a primeira dose do fármaco de Pfizer o pasado 5 de xuño.

"O único que me din, cando non están as liñas saturadas, é que agarde a que me chegue o SMS coa cita"

En medio dun deses desprazamentos cadroulle a cita para completar a pauta, e, malia que nun primeiro intre lle aseguraron que sería chamado de novo "en dez días", hoxe aínda non ten unha data asignada.

Cómpre salientar que o intervalo estabelecido pola propia farmacéutica entre ambas as picadas é de 21 días; segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), podería demorarse até seis semanas. Mais xa pasaron máis de dous meses.

"O único que me din, cando non están as liñas saturadas, é que agarde a que me chegue o SMS coa cita, mais temo que volva cadrarme fóra e perdela de novo. O sistema de repesca funciona máis rápido coas primeiras que coas segundas doses, e tampouco teño a opción de pedir unha autocita", lamenta, en conversa con Nós Diario.

Hai pouco visitou o centro de vacinación de Expocoruña e preguntou que se facía coas doses sobrantes. "Botámolas ao lixo", respondéronlle, negando toda posibilidade de que puidese completar a inmunización.

"Podería solicitar a segunda dose en Italia, mais o certificado que expedirían, malia denominarse 'europeo', non me valería para a Galiza", explica.

Galiza recibirá menos vacinas aínda

Segundo informou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta sexta feira, 6 de agosto, a Galiza recibirá a próxima semana 125.000 vacinas contra a Covid-19. "Son a metade das que tiñamos nas semanas do mes de xuño", lamentou para reclamar "máis para poder inmunizar o conxunto da poboación".