Galiza recibirá a metade de vacinas que nas últimas semanas

Unha moza recibe a primeira dose da vacina de Pfizer (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Cae á metade o número de vacinas que a Galiza recibirá para a semana, segundo criticou o presidente galego, que defende implantar a vacinación obrigatoria do persoal médico. Os sindicatos negan que "exista un problema de vacinación do persoal sanitario" e recordan ao presidente que o “realmente grave" é a situación da Atención Primaria.

Galiza recibirá a próxima semana 125.000 vacinas contra a Covid-19. "Son a metade das que tiñamos nas semanas do mes de xuño", lamentou esta sexta feira, 6 de agosto, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para reclamar "máis para poder inmunizar o conxunto da poboación".

"Estamos a esperar con moitísimo interese o anuncio realizado polo presidente do Goberno [Pedro Sánchez], na Conferencia de presidentes en Salamanca, onde comprometeu 3,4 millóns de novas doses de vacinas de Pfizer. Necesitamos saber as que nos corresponden e estimamos que ao redor de 40.000 ou 50.000 delas serán para Galiza cada semana, a maiores das que tiñamos", comentou.

Feixoo insisiste en implantar a vacinación obrigatoria do persoal sanitario

O presidente da Xunta reafirmouse este 6 de agosto en que "é imprescindíbel" que o persoal que desenvolve o seu traballo no ámbito sanitario e no coidado de persoas maiores sexa vacinado “para poder traballar con seguridade", despois de defender, nunha entrevista con Europa Press, a vacinación obrigatoria para este colectivo.

Sindicatos negan que exista un problema de vacinación no persoal sanitario

O sindicato CIG-Saúde cuestionou esta sexta feira que "exista un problema de vacinación do persoal sanitario" na Galiza, en referencia ás manifestacións do presidente da Xunta, e incidiron en que "o realmente grave" é a situación da Atención Primaria.

A central sindical nacionalista precisou que non ten "constancia" de que haxa un problema no sistema sanitario porque o persoal rexeite as vacinas, e engadiu que, de ser así, a Administración daría traslado aos comités de saúde laboral, algo que non ocorreu.

En todo caso, matizou a CIG que, se houbese problemas porque o persoal rexeita a vacina, "habería que facer pedagoxía" desde os servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública, "porque as imposicións non funcionan".

"O persoal que traballa na sanidade pública e nos servizos sociais é altamente responsábel no coidado da súa saúde e a das persoas ás que atenden", proclamaron desde CIG, e atribuíron as palabras de Feixoo á procura "dun titular de prensa para desviar a atención".

Nese sentido, o sindicato subliñou que do que debe falar o presidente, "o realmente grave", é a situación en que se atopa a Atención Primaria, a "falta de persoal polos recortes", "as longas listas de agarda" ou "a privatización" do servizo de rastrexadores.

Falta de persoal sanitario

Nese sentido, a CIG-Saúde demandou á Xunta que convoque de forma urxente unha reunión da mesa sectorial ante a "problemática da falta de persoal facultativo" en Atención Primaria, e para abordar o plan de ordenación de recursos humanos.

Así, tras exixir "que o Sergas publique os datos do persoal facultativo, sen ocultar ningún", insistiu na necesidade de buscar unha "solución" para este servizo porque, pola contra, "esta situación vaise seguir agravando".

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que a idade media do persoal licenciado sanitario do Sergas en 2012 era de 53,4 anos, con moitos profesionais por encima dos 56 anos de idade e criticou que o Sergas, que xa coñecía a previsión de xubilacións en Primaria e o grao de "envellecemento" que tería o cadro de persoal, "non solicitou o persoal MIR suficiente para dar cobertura a esas baixas".

Nesta situación, Abuín advertiu de que, mesmo cunha ampliación do MIR, e tendo en conta os prazos, o déficit de médicos de familia "vai persistir nos próximos anos", e lembrou que estes profesionais non só desenvolven o seu labor en Primaria, senón tamén en Urxencias, no 061 e noutros servizos.

Denuncias da oposición

Na mesma liña, tamén o BNG volveu reclamar esta sexta feira medidas para mellorar a situación dunha Atención Primaria "afogada por falta de persoal", e advertiu de que ese déficit está a provocar unha "deterioración" da calidade asistencial e un empeoramento das condicións laborais dos traballadores sanitarios por "sobrecarga".

Tamén o PSdeG se posicionou na mesma liña, acusando o presidente de pór “cortinas de fume” ante a situación da Primaria co debate sobre a vacinación obrigatoria do persoal sanitario, cando non existe negativas a seren vacinados.

Podemos tamén se sumou ás críticas polo "colapso" nos centros de saúde galegos e confirmou que apoiará "todas as mobilizacións" para denunciar os "recortes" e "exixir ao Goberno de Feixoo o reforzo da sanidade pública".