Continúan os problemas coa administración de vacinas no Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Mark Zlick, coruñés que realiza frecuentes viaxes por todo o continente por mor do seu traballo, recibiu a primeira dose do fármaco de Pfizer o pasado 5 de xuño.
"O único que me din, cando non están as liñas saturadas, é que agarde a que me chegue o SMS coa cita"
En medio dun deses desprazamentos cadroulle a cita para completar a pauta, e, malia que nun primeiro intre lle aseguraron que sería chamado de novo "en dez días", hoxe aínda non ten unha data asignada.
Cómpre salientar que o intervalo estabelecido pola propia farmacéutica entre ambas as picadas é de 21 días; segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), podería demorarse até seis semanas. Mais xa pasaron máis de dous meses.
"O único que me din, cando non están as liñas saturadas, é que agarde a que me chegue o SMS coa cita, mais temo que volva cadrarme fóra e perdela de novo. O sistema de repesca funciona máis rápido coas primeiras que coas segundas doses, e tampouco teño a opción de pedir unha autocita", lamenta, en conversa con Nós Diario.
Hai pouco visitou o centro de vacinación de Expocoruña e preguntou que se facía coas doses sobrantes. "Botámolas ao lixo", respondéronlle, negando toda posibilidade de que puidese completar a inmunización.
"Podería solicitar a segunda dose en Italia, mais o certificado que expedirían, malia denominarse 'europeo', non me valería para a Galiza", explica.
Galiza recibirá menos vacinas aínda
Segundo informou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta sexta feira, 6 de agosto, a Galiza recibirá a próxima semana 125.000 vacinas contra a Covid-19. "Son a metade das que tiñamos nas semanas do mes de xuño", lamentou para reclamar "máis para poder inmunizar o conxunto da poboación".