Especialistas en vivenda urxen regular o mercado e cifran as VUT en 21.900
O acceso á vivenda para persoas en situación de vulnerabilidade social e as vivendas de uso turístico (VUT) centraron esta sexta feira a primeira xornada do foro aberto 'Crise habitacional' que a Deputación da Coruña organiza esta sexta feira e hoxe en Compostela. A alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín, e a deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, abriron esta sexta feira este foro no que na primeira xornada de especialistas e representantes de colectivos falaron da incidencia social do problema do acceso á vivenda, sobre todo en colectivos vulnerábeis e a incidencia da proliferación das VUT no mercado.
Á crise habitacional que analiza este foro puxéronlle esta sexta feira cifras Ana Pardo, presidenta da Rede Galega contra a Pobreza e a plataforma Pro-Vivenda Galiza, e a xeógrafa da Universidade de Santiago de Compostela María José Piñeira. Pardo enfocou este problema que agora é xeral desde o punto de vista dos colectivos máis vulnerábeis “nos que xa alertamos desta problemática no ano 2017”, explicou. Collendo os datos do Instituto Nacional de Estatística, Pardo advertiu de que “unha de cada cinco familias na Galiza ten problemas para soster o pagamento dun aluguer”. Sinalou que o prezo dos alugueres está a converterse “nun factor importante do incremento das familias en risco de pobreza”.
En todo o Estado, o INE cifrou nos seus últimos datos -referentes ao ano 2022- a existencia de 28.552 persoas sen fogar, explicou Pardo. Na Galiza este “senfogarismo” afectaba en 2017 a 1.273 persoas, que os últimos datos sitúan xa en 2.387 persoas sen fogar no país. Desde a Rede Galega contra a Pobreza lembran que nos colectivos como vítimas de violencia de xénero, persoas con problemas de saúde mental e preceptores de rendas de risco “xa había hai anos un problema coa vivenda, e agora duplicouse”. Por iso, Pardo puxo sobre a mesa “propostas de solución” a este “problema estrutural” que “require vontade política e social” para mudar. Entre elas destacou a necesidade de artellar medidas para “solventar con emerxencia o problema da vivenda”. No medio e longo prazo falou da necesidade de construír vivenda pública, dinamizar o parque de vivenda baleira, as rehabilitacións e a declaración de mercados tensionados de vivenda “que bloqueen os prezos do aluguer, que non deberían superar 30% da renda familiar e alcanzan xa entre 75 e 80%”.
Nas VUT, “gobernanza intelixente”
A xeógrafa da Universidade de Santiago María José Piñeira fixo coas cifras da estatística experimental do Instituto Nacional de Estatística en materia de vivenda un mapa da presenza e evolución destas vivendas turísticas na Galiza. Segundo os datos analizados, en todo o Estado hai 403.267 VUT, das que 21.900 están na Galiza. En termos porcentuais o país representa 5% destas vivendas turísticas pero Piñeira analizou o mapa real das VUT na Galiza pondo sobre a mesa o “importante salto” que o país deu nos últimos anos colocándose xa “entre os territorios do Estado español que máis destaca en volume de VUT”.
Deixando a un lado os evidentes datos cuantiosos de Balears, Valencia ou Andalucía, destacou Piñeira que a cifra de VUT na Galiza -21.900- non está moi lonxe das de Madrid que acada as 22.435 vivendas turísticas. En contraste, destacou que Asturias ten 8.000 destas VUT, o que sitúa Galiza en 14.000 por riba de Asturias e só 500 por debaixo de Madrid. Cos datos do INE destacou tamén Piñeira a incidencia deste tipo de vivendas turísticas sobre todo en 25 concellos de todo o país. Segundo os datos da xeógrafa, entre 2020 e 2024 en concellos como Vigo aumentaron as VUT 113% e en Sanxenxo “xa hai máis de 1.500 cun aumento nestes anos de 50,7%”. Sinalou ademais que entre os concellos galegos nos que aumentaron o número destes aloxamentos están tamén Burela (A Mariña), Monforte (Terra de Lemos), Moaña (O Morrazo) ou Cambados (O Salnés), e engadiu esta incidencia “nos concellos polos que decorre o Camiño de Santiago”.
Piñeira puxo en valor o modelo da “gobernanza intelixente” fronte ao control deste fenómeno das vivendas turísticas. Sinalou que “temos un grave problema de información estatística” a respecto desta cuestión e sinalou que os concellos “teñen que ter tamén as súas propias estatísticas” para coñecer polo miúdo a presión que estas VUT exercen sobre os mercados de vivenda no territorio.
No control da proliferación deste tipo de vivendas, sinalou Piñeira que é preciso que os concellos limiten as VUT con ordenanzas “como outra actividade económica calquera”. Explicou que logo do “boom inicial” destas vivendas turísticas e a ausencia de rexistros e lexislación, estamos agora “nunha fase de control e planificación” no que “é preciso regular e non deixar ao libre albedrío”. Para iso, destacou a necesidade de “ter información a nivel local para facer unha zonificación intelixente”.
Modelos de vivenda pública
O foro Crise habitacional continúa hoxe cunha primeira mesa sobre 'O mercado da vivenda', que contará coa palestra de Javier Burón Cuadrado, director-xerente de Nafarroa de Solo e Vivenda S.A.U. (Nasuvinsa), e unha mesa redonda posterior moderada pola arquitecta Laura Pato. Nunha segunda mesa expertos analizarán “Modelos de vivenda pública”, logo dunha palestra de Josep María Borrell, responsábel do Instituto de Promoción e Xestión do Solo (Impsol) de Barcelona, cunha mesa de debate posterior que moderará o director de Nós Diario, Alberte Mera.
Xa pola tarde, decorrerá a exposición e debate sobre 'Colaboración público-privada na xestión do solo e a promoción de vivenda asequíbel', no que a exposición correrá a cargo de Elga Molina Roig, directora xeral de Vivenda do Goberno Foral da Nafarroa e cun coloquio posterior moderado por Yolanda Larrubia, responsábel de Promoción e Xestión de Solo do Impsol catalán. O feche da xornada abordará 'Outros modelos de habitar. Cooperativas de vivenda'. Mikel Pau Casado Buesa e Antonio Reboredo Raposo, arquitectos do Colectivo Tinglao, analizarán 'Arquitectura e comunidade no modelo de vivenda cooperativa en cesión de uso do Estado español', ao que seguirá un coloquio moderado por Miguel Ángel de la Peña Cristiá, da cooperativa O Fogar na Ulla.