María Obelleiro, directora do semanario "Sermos Galiza"

“O especial quere ser unha peza de colección que teña vida alén dos cinco anos de Sermos”

[Imaxe: Elvira Fernández] María Obelleiro

O semanario Sermos Galiza fai 5 anos cando suma xa 250 números. Entrevistamos a súa directora, María Obelleiro (Arcade, 1985), quen nos avanza detalles do suplemento especial co que Sermos celebra o seu primeiro lustro e os 250 números en papel.

-Como valoras os cinco anos de vida do único semanario en galego?

 

-Hai cinco anos, Sermos Galiza era o único semanario en galego que podía atoparse nos quiosques e a día de hoxe segue a selo. Un feito a lamentar que evidencia a falta de normalización da lingua propia deste país. Con independencia disto, estamos moi satisfeitas e satisfeitos de sumarmos non só cinco anos, senón tamén 250 números do semanario. E para o celebrar, a próxima quinta feira imos editar un especial e saímos a 104 páxinas, e ao mesmo prezo de sempre. Fixemos un grande esforzo para o lograr.

 

-En que vai consistir o especial?

 

-Trátase dun suplemento de 64 páxinas con 15 entrevistas e 15 análises que ofrecen unha radiografía de diferentes sectores. Concibímolo como unha peza plural que sirva de ferramenta para entender e coñecer máis que aconteceu nos últimos cinco anos e que está a acontecer na Galiza.

 

-Cal foi o enfoque do especial? Como se decidiu a selección de contidos?

 

-Partimos da idea de que o suplemento especial quere ser unha peza de colección que teña vida alén desta efeméride dos cinco anos. De aí que persoas especialistas en diferentes temas sexan quen aborden con profundidade e cunha perspectiva analítica o estado de cada un dos sectores tratados. As entrevistas posúen o mesmo obxectivo: botar luz e facer reflexionar acerca das distintas temáticas.

 

-En relación á selección de contidos, tratamos de ofrecer unha radiografía da Galiza a partir dun amplo abano de temas, como poden ser a sanidade, a educación, a lingua, o ecoloxismo, o deporte, a política, o traballo, a empresa, a banca, o patrimonio, o cinema, a literatura, a música... e moito máis. De feito, tamén hai cabida para a nosa historia, para nos coñecer desde nós mesmas, e para ollar o mundo desde nós, pois incorporamos contidos internacionais.

 

-Deste primeiro lustro de vida, que destacarías?

 

-En primeiro lugar, destacaría o valor do que denominamos Comunidade Sermos, todas aquelas persoas que, dunha ou doutra maneira, son Sermos Galiza. E sono como promotoras, accionistas, subscritoras, colaboradoras, lectoras, anunciantes... Esa Comunidade Sermos, da que tamén forman parte as traballadoras e traballadores da casa, é a razón de ser do proxecto. Ademais, Sermos naceu cunha vontade popular, desde abaixo, centrado nos intereses galegos e, após cinco anos, conserva esa aspiración de ser un medio alternativo e social.

 

-E se me permites unha chiscadela persoal, destacaría tamén o feito de, como xornalista, poder escribir en clave nacional pezas de investigación e profundidade, que contribúan a afortalar unha conciencia crítica, sempre desde a perspectiva de país, e poder darlle voz a aquelas persoas e temáticas que, nos medios convencionais, carecen dela. Ademais, salientaría o feito de termos sempre presente o enfoque de xénero, pois os medios desenvolven un papel fundamental á hora de transmitir unha imaxe feminina non estereotipada e á hora de seren motores de cambio cara a unha sociedade sen discriminación de xénero.

 

-Cal é a clave para que un medio en galego e en papel poida seguir na rúa?

 

-O que apuntaba na resposta anterior: a Comunidade Sermos. Sen esa rede de persoas que apoian Sermos isto carecería de sentido. Hai que pensar que Sermos non ten detrás ningunha empresa de comunicación sobre a que asentarse. A nosa empresa de comunicación consiste, de maneira metafórica, nun movemento popular formado por persoas a título individual e colectivos que, de maneira desinteresada e decidida, apostan no proxecto.

 

Sen esas persoas, non estariamos a celebrar os cinco anos e os 250 números, que se din pronto, pero que comportan moito esforzo detrás. E é que o modelo de negocio de Sermos baséase no semanario en papel, xa que os ingresos proceden das vendas en quiosques, das subscricións e da publicidade, factor que é común ao Sermos en papel e tamén ao Sermos dixital. Aínda coa mellora que supuxo o cambio de deseño do semanario, obra de Pepe Barro, e de novos contidos, hai espazo para aumentar a calidade e para chegar a todas as partes. Para iso, é fundamental seguir sumando apoios.