Publicarase a quinta, co número 250

Un especial de 64 páxinas para celebrar o V aniversario de Sermos Galiza

Detalle da capa deseñada por Denís Fernández para o número 250

A próxima quinta feira, 15 de xuño, Sermos Galiza celebra o V aniversario e a publicación do número 250 do semanario co lanzamento dun especial ben carregadiño de entrevistas e análises sobre as temáticas fundamentais do país.

O 8 de xuño de 2012 o semanario Sermos Galiza saía á rúa por vez primeira. Cinco anos após, é o único semanario en galego que pode atoparse nos quiosques do país. Para o celebrar, e coincidindo co lanzamento do número 250, editamos un especial que acompañará o semanario a quinta feira 15 de xuño.

 

Ao longo de 64 páxinas, o suplemento especial recollerá 15 entrevistas e 15 pezas analíticas que representan unha radiografía da situación do país e da súa evolución nos últimos cinco anos. E faino da man de 31 persoas representativas de todos os ámbitos.

 

Lingua, ecoloxismo, sanidade, feminismo, deporte, pensamento político, formacións política, xeopolítica, América Latina, lusofonía, banca, innovación, empresa, traballo, patrimonio, literatura, teatro, historia, música... fan parte do amplo abano de temáticas deste especial, de carácter plural e que apoian numerosos anunciantes, que se converterá nun instrumento imprescindíbel para coñecer Galiza e para ollar o mundo desde o país.


Nun número sen precedentes, Sermos Galiza sairá á rúa na próxima quinta feira cun total de 104 páxinas (as 40 habituais do semanario e as 64 do especial) e ao prezo habitual. Unha publicación documental indispensábel para coleccionistas que non deixará ninguén indiferente.

 

O vínculo co mar

 

Na imaxe que ilustra esta información, deixamos ver un detalle da capa asinada por Denís Fernández que acompañará o número 250 de Sermos Galiza e mais ao suplemento especial. En declaracións a Sermos Galiza, o autor pon de manifesto que "na capa do quinto aniversario do Sermos Galiza queríamos transmitir uma mensagem de caminho percorrido, mas também de futuro por descobrir. Queríamos dar ideia de optimismo e de avanço, de progresso".

 

"Queríamos transmitir a ideia de pluralidade, de trabalho em equipa, de viajarmos juntos, todos conceitos que presentes no ideário do jornal e, sabemos, também nas cabeças das pessoas que o lemos", sinala o deseñador, quen botou man do imaxinario mariñeiro da nosa terra.

 

Nos próximos días daremos a coñecer máis detalles.

 

Non te descoides para non ficar sen o suplemento especial e sen o Sermos 250.