Espazo público contra a pandemia

Pontevedra é unha das cidades galegas que máis ten transformado a súa mobilidade (Xaquín Soliño).
Os problemas de saúde pública xa obrigaron a repensar, no pasado, a concepción das cidades. A crise da COVID-19 volve poñer en dúbida o urbanismo hostil de moitos contornos urbanos.
 

pandemia da COVID-19 aprendeunos en dous meses, polas bravas, novas fórmulas de hixiene, relación e traballo. Permitiunos observar o espazo público con outros ollos, baleiro, alleo á lóxica do consumo e da mobilidade estridente. Aprendeunos a botalo en falta.

Agora que a fin do confinamento nos deixa tempo contado para volvernos encontrar aí fóra, gardando as distancias de seguridade, eses mesmos lugares parecen outros. Os barrios, as rúas, os paseos... gañaron significado, un valor diferente ao que tiñan antes desta crise sanitaria. Así, entre outras moitas advertencias, o novo coronavirus tamén nos deixa este aviso sobre a concepción das cidades e dos espazos públicos que queremos. Ou que necesitamos.

Cidades máis humanas

Para o arquitecto Roi García Camba, esta pandemia non implica que as cousas vaian cambiar a respecto do urbanismo, da planificación das cidades e da repartición dos espazos públicos, mais "pon en evidencia que a concepción actual destes contornos non responde ás necesidades do conxunto da poboación. Sobre todo nestas circunstancias de estrés, que fan que a xente vexa a necesidade de máis espazos públicos de proximidade, de zonas verdes" e dun uso equilibrado deses lugares.

"Non teño claro que as lóxicas que imperaron até este momento vaian cambiar, pero esta crise demostra que as cidades nas que vivimos non responden ao interese xeral e colectivo da cidadanía. Por si soa, esta epidemia non logrará mudar o prototipo actual, pero cómpre ter en conta a oportunidade que representa para apostar por outro tipo de modelos", salienta García Camba a Nós Diario.

As cidades nas que vivimos non responden ao interese xeral e colectivo da cidadanía.

Trátase de facer cidades máis humanas co fin de ampliar as posibilidades de goce de toda a cidadanía e non só dos sectores máis privilexiados, afirma o arquitecto. "Sería importante gañar novos espazos para as persoas, pero tamén garantir un uso máis transversal, unha repartición máis xusta das superficies" que teña en conta os intereses e necesidades das crianzas e dos colectivos máis vulnerábeis.

Cidades menos hostís e máis habitábeis. Unha transición na que Pontevedra leva dúas décadas traballando. "Neste momento, nós non necesitamos adoptar ningunha medida excepcional co fin de garantir que a xente que saia á rúa dispoña dun espazo público preparado para gardar as distancias. Levamos 20 anos ampliando as beirarrúas, creando plataformas únicas e aumentando a superficie destinada ás persoas", afirma o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Unha cidade de referencia

A cidade de Pontevedra adiantouse 20 anos ao modelo que se está vendo necesario a raíz da crise da COVID-19, defende o rexedor. "Antes do coronavirus eramos unha referencia e seguímolo sendo" mantén. Para Fernández Lores, as cidades do futuro teñen que garantir a convivencia de usos e darlles preferencia ás persoas. "Cada unha ten que atopar o seu camiño, porque non todas son iguais, e saber que cidade queren ser, que lugar queren que ocupe a convivencia, a calidade humana, a actividade económica e os coches, por suposto".

Pontevedra adiantouse 20 anos ao modelo de cidade necesario.

Para o concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade de Pontevedra, César Mosqueira, unha das chaves para lograr, no futuro, cidades "máis amantes das persoas" está na firmeza da demanda social e na determinación dos xestores públicos á hora de consolidar un proxecto que lle outorgue soberanía e seguridade á poboación para poder explorar e vivir o espazo urbano.

"Calquera especie que non poida garantir que as súas crías saian explorar o seu contorno, con autonomía, é unha especie sen futuro e o seu hábitat está enfermo", exemplifica Mosqueira. Por iso concorda en darlle prioridade ás persoas. "Quen queremos que sexan as grandes protagonistas do espazo público? Esa é a gran pregunta. E cómpre ter clara a resposta, e ter un proxecto sólido mais decisión política para levalo a cabo", destaca. 

Rendibilidade social 

"Eu sempre digo que o de Pontevedra non é un proxecto de mobilidade, é un proxecto humano, un proxecto de cidade no que a mobilidade vén despois, ao igual que outras moitas solucións técnicas", que as hai para cada caso, aclara. Carrís bici, peonalizacións, plataformas únicas, beirarrúas de máis de dous metros polas que se poden cruzar dous paraugas abertos, tráfico de coexistencia...

Os problemas de saúde pública obrigaron a repensar as cidades e o seu urbanismo co fin de facelas máis hixiénicas e funcionais.

As adaptación son múltiples e teñen o seu custo, pero como apunta o arquitecto García Camba, "non se pode medir só en termos económicos. A rendibilidade non é só monetaria. Hai que ter en conta os beneficios sociais e medioambientais, máis nun contexto de emerxencia climática" e sanitaria.

Para o alcalde, Fernández Lores, Pontevedra é un exemplo de que a humanizacion das cidades é factíbel e produtiva. "Para o turismo, para o comercio local, para a calidade do aire, para o dinamismo da cidade" e para a veciñanza que, co paso dos anos, foi apropiándose do espazo público "no sentido da propiedade colectiva", engade Mosqueira.

Xa no pasado, as epidemias e os problemas de saúde pública obrigaron a repensar as cidades e o seu urbanismo co fin de facelas máis hixiénicas e funcionais, transitábeis en igualdade de condicións para todos as residentes. "E hoxe, tamén, as cidades deben ser resilientes", incide García Camba.

Paseos antihorario en Lugo

Algunhas iniciativas locais comezan a apuntar nesa dirección. Os requirimentos da etapa inicial do desconfinamento mais as necesidades cidadás xa deron lugar ás primeiras propostas.

Novas solucións para os mesmos espazos. En Lugo, unha das primeras medidas acordadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas foi habilitar zonas de xogo pintadas nas beirarrúas para aledar e axilizar as saídas das crianzas. "Queremos que as nenas e nenos da cidade sintan o concello como propio e poidan desfrutar da rúa con xogos en movemento para avanzar durante os paseos e evitar as masificacións", sinalou o tenente de alcalde Rubén Arroxo durante a presentación do proxecto Tecendo Brincadeiras.

Queremos que as nenas e nenos da cidade sintan o concello como propio.

E a canda esta, outras propostas, como a recomendación de camiñar pola beirarrúa dereita, como estabelece o código de circulación, sinalou o responsábel de Mobilidade, "unha medida que permite respectar a distancia entre persoas, e os paseos en sentido antihorario polo adarve da muralla.

Trátase dun chamamento cívico, dunha recomendación para reducir ao máximo as posibilidades de contaxio entre as veciñas e veciños de Lugo”, unha medida que ao non ser obrigatoria, "o seu incumprimento non se sancionará", recordou Arroxo.

Mobilidade na Coruña

Na Coruña, a alcaldía tamén acaba de presentar o plan de mobilidade co que busca darlle maior protagonismo á cidadanía. Corredores verdes, peonalizacións, plataformas únicas e a mellora do transporte público, con carrís específicos para buses e taxis, son os piares da súa proposta. "O plan non responde a unha improvisación nin se deriva da situación vivida coa pandemia, é froito de meses de traballo", destacou a alcaldesa, Inés Rei.

Trátase de recuperar espazos públicos para que a veciñanza estabeleza relacións sociais e avanzar cara o desfrute do contorno urbano.

Non pretenden ser solucións efémeras, senón consolidar outra forma de relación coa cidade. "Trátase de recuperar espazos públicos para que a veciñanza estabeleza relacións sociais e avanzarmos así cara a novos dereitos en que as e os coruñeses desfruten dese contorno urbano", declarou Rei, quen, ademais, anunciou a posta en marcha, dentro do proceso de desconfinamento, dunha medida que converterá as rúas de carril único en espazo de uso preferente para as persoas. Entre as 20 e as 23 horas, quen teña a necesidade de coller o coche por esas vías, deberá facelo con cautela.

E na mesma liña, concellos máis pequenos tamén empezan a concibir novos usos do espazo público cara a unha mobilidade máis eficiente centrada nas persoas. É o caso dos municipios de Pontedeume e Cabanas. Desde onte, as viandantes só poden atravesar a Ponte de Pedra pola marxe esquerda da estrada.