España prolonga até o 1 de maio os controis na fronteira con Portugal

Control fronteirizo por parte da Policía española (Europa Press)

Na pasada quinta feira, o primeiro ministro portugués, António Costa, anunciaba idéntica medida, que provocaba as queixas de organismos e traballadores da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, unha das máis afectadas.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este sábado, 17 de abril, a orde pola que se manteñen os controis na fronteira interior terrestre con Portugal, restabelecidos con motivo da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.

Na pasada quinta feira, o primeiro ministro portugués, António Costa, anunciaba idéntica medida, que provocaba as queixas de organismos e traballadores da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, unha das máis afectadas.

Desta maneira, a nova orde mantén os controis restabelecidos temporalmente na fronteira interior terrestre con Portugal até as 00.59 horas do 1 de maio de 2021.

O texto reflicte que os efectos da Orde INT/316/2021, de 1 de abril, pola que se prorrogan os controis na fronteira interior terrestre con Portugal, restabelecidos con motivo da situación de crise sanitaria, finalizaron este 16 de abril, ás 00.59 horas.

No entanto, a situación epidemiolóxica en España e Portugal aínda aconsella o mantemento de medidas preventivas restritivas da mobilidade no interior do territorio e, en xusta correspondencia, tras as debidas consultas coas autoridades portuguesas, decidiuse manter os controis na fronteira interior terrestre entre ambos os Estados.

Regulamento comunitario

Esta decisión adóptase en virtude do artigo 25.3 do Regulamento (UE) 2016/399 do Parlamento Europeo e do Consello, de 9 de marzo de 2016, polo que se estabelece un Código de normas da Unión para o cruzamento de persoas polas fronteiras (Código de fronteiras Schengen), e considérase unha medida proporcionada á gravidade da situación e congruente coas adoptadas no interior do territorio español.

Esta medida notificarase a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, aos Estados membros da Unión Europea, así como á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e ao Consello.