Catástrofe ambiental

Esixen a drenaxe e selado das balsas do Monte Neme por risco de accidentes e toxicidade

Balsas mineiras no Monte Neme [Imaxe: Salvemos Cabana]

O colectivo Salvemos Cabana pide a drenaxe e selado das balsas mineiras no Monte Neme ante o risco potencial de accidentes e a toxicidade demostrada da auga, derivada da actividade mineira nesta zona. Alertan tamén do desprendemento de taludes que poden ser moi perigosos xa que ás veces caen en pico a decenas de metros e non existe ningún perímetro de seguridade marcado polas administracións.

O Monte Neme atópase moi danado pola actividade extractiva primeiro de volframio e posteriormente de áridos que converteron esta rica zona nunha desfeita ecolóxica. Desde o colectivo Salvemos Cabana esixen ás administracións medidas urxentes e que drenen e selen as balsas mineiras existentes neste monte situado entre os concellos de Carballo e Malpica. Aluden para esixir estas medidas ao risco potencial de accidentes e a toxicidade demostrada da auga, derivada da actividade mineira que houbo zona.

Alertan do desprendemento de taludes que poden ser moi perigosos xa que ás veces caen en pico a decenas de metros e non existe ningún perímetro de seguridade

Alertan tamén do desprendemento de taludes que poden ser moi perigosos xa que ás veces caen en pico a decenas de metros e non existe ningún perímetro de seguridade marcado polas administracións.

En canto ao risco de toxicidade das augas das balsas, segundo informan desde o colectivo, ficou esta demostrada nalgúns casos incluso por Augas de Galicia, cando identificou como problemáticas estas augas polo seu nivel de acidez e a alarmante presenza de elementos como o aluminio, o que na práctica constitúe un risco para a saúde pública e os ecosistemas nunha contorna carente das máis elementais medidas de seguridade, tal e como alertou Sermos Galiza o pasado 27 de xuño.

“Resulta chocante a reiterada apelación por parte do actual goberno da Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia a conceptos como a minaría sostíbel e responsábel” denuncian desde o colectivo

“Resulta chocante a reiterada apelación por parte do actual goberno da Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia a conceptos como a minaría sostíbel e responsábel” denuncian desde o colectivo, xa que “seis anos após do accidente que provocou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dirixida por Ángel Bernardo Tahoces segue sen poñer unha solución efectiva a un problema que pode rematar provocando graves consecuencias”, alertan desde Salvemos Cabana.

O colectivo tamén pon o acento no caso das persoas instagrammers que sufriron problemas de saúde por bañarse nalgunhas das balsas do complexo.

Con todo isto, desde Salvemos Cabana consideran que no Monte Neme estase a producir un incumprimento da lexislación da Lei de Ordenación da Minaría da Galiza, xa que o seu réxime sancionador estabelece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas cautelares resulten necesarias" pola vía de urxencia, o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano".

Desde Salvemos Cabana consideran que no Monte Neme estase a producir un incumprimento da lexislación


Tamén sinalan que se está a incumprir a Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas que estabelece medidas, procedementos e orientacións para previr ou reducir na medida do posíbel os efectos adversos sobre o medio ambiente, a biodiversidade e os riscos para a saúde humana, sinalando de maneira  taxativa que "é necesario que os Estados membros garantan  que as autoridades competentes organicen un sistema eficaz de inspeccións ou medidas de control equivalentes respecto ás instalacións de residuos das industrias extractivas", algo que, segundo afirman desde Salvemos Cabana, “no Monte Neme nin se tivo en conta historicamente durante as súas distintas épocas de explotación e que non se está a ter en conta na actual fase de abandono”. Denuncian desta maneira as eivas do plan de restauración.