O Monte Neme, de catástrofe ambiental a reclamo para 'instagramers'

[Imaxe: Instagram @mariabana_/]

O Monte Neme foi, desde a Segunda Guerra Mundial e até o 2012, un emprazamento de extracción de volframio e de cuarzo. Unha incesante actividade mineira que, xunto coa neglixencia política, converteu a paraxe nun punto de desastre ecolóxico. Un feito que se ve esquecido, na actualidade, pola proliferación de turistas que acoden a fotografiarse coas turquesas augas existentes.

 

A 385 metros do mar, entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños, eríxese o Monte Neme, un histórico emprazamento protagonista de numerosas lendas sobre meigas que na actualidade se constitúe como unha das paraxes protagonistas da rede social Instagram.

A comezos do mes de xuño saltaba a alarma nas redes sociais tras a publicación, por parte dunha usuaria, dunha fotografía bañándose nas turquesas augas estáticas deste cerro. Unhas críticas enfocadas á perigosidade do baño pola toxicidade das augas.

Deixando a un lado os elevados niveis de aluminio e a presenza de arsénico e prata que presenta a poza, a turistificación é moito máis discutíbel desde unha perspectiva medioambiental. O lugar é, na actualidade, un punto de desastre natural derivado dunha cuestionábel explotación mineira liga a malas praxes políticas.

Un histórico emprazamento mineiro

A constitución como canteira do Monte Neme remóntase ao comezo da Segunda Guerra Mundial. Este territorio foi un dos múltiples puntos galegos en que os nazis extraían volframio como material para fabricar, posteriormente, tanques de combate e diversas maquinarias e municións.

Lonxe de cesar a súa explotación ao rematar o conflito belixerante, a canteira mudou anos despois como un punto de extracción de cuarzo. A compañía encargada desta explotación foi a desaparecida Leitosa SAU, a cal pertencía ao grupo empresarial de Juan Cotino, político valenciano do PP vinculado a diversas tramas de corrupción.

A extracción mineral paralizouse en 2012, cando a sociedade entrou nun concurso de acredores, sen chegar en ningún momento a ser restabelecida a paraxe tras a súa explotación. Unha medida á que a empresa non estaba obrigada dado á inexistencia dun aval, por parte da Xunta, que lles esixise tales accións.

Así pois, tras o seu abandono, a canteira quedou tal e como se atopa na actualidade. Sendo un perigoso territorio con restos de oxidadas e esquecidas infraestruturas e coa presenza de seis balsas de augas tóxicas rodeadas de elevados e empinados pedreiros.

A catástrofe ambiental

En 2014, as desouvidas advertencias dos concellos implicados e da veciñanza respecto ao risco da presenza de residuos tóxicos na zona, tiveron como consecuencia un anticipado desastre ambiental. Unha das seis balsas de auga rebentou e 24.000 metros cúbicos de residuos desprazáronse ladeira abaixo causando múltiples estragos territoriais.

Este suceso, a pesar da súa gravidade, non foi suficiente para proceder á restauración ambiental do lugar. A sete anos vista do abandono e a cinco da catástrofe, as veciñas e veciños seguen loitando pola reconstitución da súa anterior paraxe natural e, a maiores, pola constitución dunha memoria histórica que non dea a esquecemento todo o alí acontecido.

Unha tarefa que se veu dificultada, nos últimos anos, pola banalización da paraxe como un cadro que subir a Instagram. Esta turistificación viuse reforzada, en 2017, por unha campaña da Xunta na que utilizaban o emprazamento como reclamo turístico. Un anuncio posteriormente eliminado tras as críticas recibidas.

Co fin de facer fronte a esta situación naceu a Plataforma en Defensa do Monte Neme. Unha asociación desde a cal rexeitan a constitución do emprazamento como un punto de peregrinación turística, e reiteran que o acontecido é a consecuencia do incumprimento empresarial e da neglixencia das autoridades competentes.