Moncho Varela, voceiro de Salvemos Cabana

“Coa voadura perdeuse a riqueza paisaxística e patrimonial dun espazo singular da Costa da Morte”

Penedo do Castelo antes e despois da voadura.

A singular formación granítica coñecida como o Penedo do Castelo foi voada pola empresa Naturgy para a colocación dun novo aeroxerador eólico na serra do Gontón, entre Cabana de Bergantiños e Zas, tal e como denuncian desde a asociación Salvemos Cabana. Sermos Galiza conversa sobre esta e outras agresións á zona co seu voceiro, Moncho Varela.

O Penedo do Castelo era unha formación granítica característica da Serra do Gontón, situada entre Cabana de Bergantiños e Zas. Hai uns días foi volado pola empresa Naturgy para a colocación dun novo aeroxerador eólico na zona. Sermos Galiza entrevista a Moncho Varela, voceiro da asociación Salvemos Cabana, denunciante da destrución deste penedo e doutras agresións ambientais na zona. Varela sinala entre outros prexuízos que supuxo a voladura do penedo a posíbel perda de restos arqueolóxicos, pois estaba situado ao carón dunha área arqueolóxica catalogada pola presenza de múltiples petróglifos e xacementos prehistóricos.

A empresa Naturgy destruíu o Penedo do Castelo para erguer un novo aeroxerador eléctrico mais con anterioridade xa tiñan denunciado este modelo de negocio por asolagar con muíños Cabana de Bergantiños.

Estamos cheos de aeroxeradores. Ademais aquí non constrúen un macro parque eólico, senón que erguen pequenos parques e logo van enlazándoos. Desta maneira non pagan o canon eólico, xa que a lei permite que non se aboe de un parque ter menos de 4 aeroxeradores. Tramitan así a súa construción de forma separada, xa que a lexislación é moito máis permisiva cos parques pequenos que cos grandes. Ademais, coa Lei de Depredación da Xunta os trámites aceléranse moito e case non hai tempo para a apresentación de recursos e alegacións, dificultando desta maneira a intervención social. Empresas como Naturgy teñen así menos trabas administrativas, o cal significa unha aposta decidida en que a xente non teña ningún dereito sobre a súa terra.

Aquí non constrúen un macro parque eólico, senón que erguen pequenos parques e logo van enlazándoos

A maiores, o PP vén de anunciar coa patronal eólica a intención de triplicar a potencia eólica existente. Isto é unha barbaridade, porque aquí xa non hai espazo para máis aeroxeradores.

Como aconteceu a destrución do Penedo do Castelo?

A voladura deste penedo fíxose no marco da construción de tres novas bases de aeroxeradores. Na instalación da primeira delas voou polos aires parte do cumio da Serra do Gontón. Na segunda base foi onde voaron o Penedo do Castelo.

Cando no futuro finalice a vida útil do parque e após a fase de abandono, hai o compromiso de que se debe recuperar o espazo devolvéndoo á súa situación orixinal mais, como a vas recuperar se a fixeches desaparecer?

A primeira parte da desfeita no Penedo do Castelo aconteceu cara a finais de abril. Estamos falando de aeroxeradores xigantes, de 151 metros de alto, que precisan extensión de terreo alta e plana. Ademais a súa colocación implica meter un camión xigante, cun remolque inmenso e manobrar. Todo isto destrúe dunha forma moi ampla un lugar coma este.

Estamos falando de aeroxeradores xigantes, de 151 metros de alto, que precisan extensión de terreo alta e plana

Cortaron ademais os camiños veciñais o que, por unha parte podería ter sentido durante as explosións para protexer a xente, mais a cuestión é que contrataron unha empresa de seguridade para que cando non estivesen traballando na obra non puidésemos ver nada do que alí se estaba facendo. Mesmo mantiveron vixilancia para cortar os camiños nas fins de semana.

Que valor tiña o Penedo do Castelo?

Toda esta zona linda cun territorio catalogado en Rede Natura 2000. Se isto fose un país civilizado a nosa zona estaría tamén protexida. Lonxe diso, agora é máis complicado acadar esa protección, de feito coa nova lei de patrimonio natural que pretenden implantar desde a Xunta chegaríase ao extremo de que case ningún dos sete parques naturais galegos podería acadar esa categoría de protección.

Os penedos son formación rochosas que en moitos países están amparadas. Ademais a serra do Gontón está moi próxima aos penedos de Pasarela e Traba que hoxe en día por fortuna teñen algún grao de protección, mais varias empresas xa tentaron no pasado desfacelos para fabricar material de obra. Onde situaron o aeroxerador número un hai unha zona xeolóxica incríbel coñecida como o Penedo do Medio onde a interacción do frío, a auga e o vento creou formas impresionantes.

Onde situaron o aeroxerador número 1 hai unha zona xeolóxica incríbel coñecida como o Penedo do Medio onde a interacción do frío, a auga e o vento creou formas impresionantes

O valor engadido destas formacións é que ao redor dos penedos adoitan aparecen petróglifos. O do Castelo contaba cuns 50 metros de lonxitude mais nunca saberemos o que podía chegar a albergar, pois non se investigou. Mais é moi probábel que puidese conter sinais e vestixios do pasado. É unha zona que estivo habitada desde a Idade de Ferro, moi perto de onde se atopa o Dolmen de Dombate e ademais o seu nome provén por estar ao carón dunha zona arqueolóxica valiosa e catalogada como é o castelo de Borneiro.

Coa voadura perdeuse a riqueza paisaxística, o elemento patrimonial, xeolóxico e quizais o arqueolóxico.

Onde denunciaron o acontecido?

A semana pasada apresentamos tres escritos. O primeiro dirixímolo ao Defensor del Pueblo porque hai anos actuaron bastante ben ante as agresións mineiras nesta zona.

É unha sensación de impotencia moi grande

Presentamos un escrito tamén na Dirección Xeral de Patrimonio Natural co obxectivo de que actúe e controle a paisaxe, e ante o Instituto de Estudos do Territorio para recordarlle que o seu obxectivo é defender a paisaxe galega, ademais foi este quen na declaración de impacto ambiental afirmou textualmente que “nos afloramentos rochosos existentes na zona que tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico (como era o caso do Penedo do Castelo) deberán ser respectados sen que se vexan afectados polas obras”. E que facemos agora que xa non existe? É unha sensación de impotencia moi grande.

Que outras agresións ao medio sofre Cabana?

En Cabana de Bergantiños estase producindo no río Anllóns unha serie de verteduras. Augas de Galicia acaba de abrir expediente ao concello porque ademais isto tamén afecta unha comunidade marisqueira moi importante e na que xa hai un gran problema coa presenza de arsénico nas augas por culpa da antiga produción mineira nesta zona.

Véñennos agora con autorizacións de aeroxeradores de forma exprés e coa destrución do territorio de maneira acelerada polo medo a un cambio no Goberno galego

Cando pasou o conflito coa mina de Corcoesto, que levantou toda a bisbarra, partimos tamén da mesma situación mais gañamos o caso e cando parecía que iamos volver a unha tranquilidade... pois non hai xeito, e véñennos agora con autorizacións de aeroxeradores de forma exprés e coa destrución do territorio de maneira acelerada polo medo a un cambio no Goberno galego.

Hai que seguir loitando e estarmos atentos e atentas, os colectivos e mais as xentes da zona para protexer a nosa terra.