Medio Ambiente

Exixen a aprobación dun regulamento europeo rigoroso sobre pellets para rematar coa súa contaminación "xeralizada e crónica"

A campaña de Ecoloxistas en Acción chega ao Parlamento europeo.
Activistas de Ecoloxistas en Acción, xunto coa rede europea de organizacións mariñas Seas At Risk, esixen en Bruxelas a aprobación dun regulamento rigoroso sobre pélets de plástico. Integrantes de Ecoloxistas reuníronse con europarlamentarios galegos, españois e portugueses para que o regulamento en trámite poñer fin a esta contaminación "xeralizada e crónica".

Os pellets de plástico, procedan de material bruto orixinal ou de fontes recicladas, constitúen os compoñentes primarios dos produtos de plástico. Fabrícanse en terra e despois transpórtanse por todo o planeta en contedores de até 26 toneladas para fabricar os plásticos. “Por desgraza coñecemos de primeira man que os contedores poden caer ao mar”, declara Cecilia do Castillo, portavoz de Ecoloxistas en Acción. Iso aconteceu a principios de decembro fronte ás costas portuguesas, provocando que millóns de pellets chegasen ás costas galegas.

En 2022 perdéronse 661 contedores. Del Castillo indicou que, unha vez no mar, “os sacos rachan e a información que vén escrita neles non especifica o seu nivel de toxicidade, nin para a saúde humana nin para o medio ambiente”.

A pesar da denuncia interposta por Ecoloxistas en Acción no xulgado de Noia contra a navieira propietaria do portacontedores, descoñécese se as empresas responsábeis da vertedura poderán pagar os danos que ocasionaron ao ecosistema mariño e a súa biodiversidade das costas galegas.

“A contaminación por pellets que tinguía de branco as costas galegas ao comezar o ano é só a punta do iceberg dun problema crónico, non só asociado ao transporte marítimo e os ríos. O goteo de microplásticos é constante ao longo de toda a cadea de subministración: van perdéndose durante os procesos de produción, de carga e descarga, almacenamento e transporte, por falta de procedementos e estruturas adecuadas para o seu confinamento. Vanse derramando e acumulando nos ríos próximos para acabar no mar”.

Un informe técnico do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente estima que se poden estar a verquer ao mar unhas 5.710 toneladas de pellets, que equivale a 285.500 millóns de gránulos, ao ano no Estado.

Agora, no Parlamento Europeo discútese a proposta de Regulamento da Comisión Europea sobre a prevención das perdas de pellets. Ecoloxistas en Acción espera que, tras o desastre do ocorrido na Galiza, o regulamento teña a máxima ambición e esixa no mínimo que se inclúen medidas de prevención e responsabilidade para o transporte marítimo de pellets para evitar que sigan ocorrendo perdas desde buques.

Tamén é clave, afirman, eliminar as exencións de todas as medidas de prevención, confinamento e auditorías a todas as empresas da industria do plástico, aínda que sexan Pemes (xa que manipulan toneladas de pellets ao ano) para acabar coa contaminación constante desde terra, facilmente evitábel.

“Ademais, é necesario asegurar que se instalen estruturas adecuadas para evitar perdas como recintos nas zonas de manexo de pellets e embalaxe de calidade para pellets capaz de resistir impactos ou caídas. Así como a identificación obrigatoria e clara do seu contido, especificando a toxicidade para a saúde humana e para o medio ambiente dos gránulos”.

Cecilia do Castillo, da área mariña de Ecoloxistas en Acción, considera que após “o episodio vivido nas costas galegas, é o momento de que a clase política demostre que lles preocupa o mar, a súa biodiversidade e o futuro do sector pesqueiro. Os impactos sobre os ecosistemas destes microplásticos non están contabilizados e a limpeza e restauración parcial non pode seguir recaendo sobre a cidadanía e os medios públicos, como ocorreu na Galiza. As empresas teñen que pagar o que contaminan, pero, sobre todo, teñen que deixar de contaminar. Por iso é fundamental instaurar medidas estritas de prevención en toda a cadea de subministración”.