Esculca: "As cifras das mortes son unha das manifestacións máis duras da realidade do sistema penitenciario"

En 2019 faleceron tres presos na prisión de Teixeiro, no municipio de Curtis (Imaxe: Nós Diario).
Institucións Penitenciarias informa de que na Galiza perderon a súa vida na cadea 14 persoas; 194 en todo o Estado. Esculca lembra que desde 2003 é posíbel demandar a transferencia das competencias en atención sanitaria nos penais.

Ao longo de 2019, catorce persoas perderon a súa vida nos centros penitenciarios da Galiza. Os datos foron feitos públicos pola Rede Xurídica de Avogadas, unha cooperativa  xurídica con sede en Madrid, despois de que Institucións Penitenciarias os remitise para contestar unha pregunta formulada no Parlamento estatal polo deputado de EH Bildu Jon Iñarritu.

Segundo a información entregada polo organismo estatal, 194 persoas faleceron no sistema penitenciario nese mesmo ano. Os datos non inclúen as falecidas nas prisións catalás, competencia na actualidade do Goberno catalán.

Na Galiza, faleceron cinco presos na cadea de Pereiro de Aguiar; tres na prisión de Teixeiro, no municipio de Curtis, mesmo número que na da Lama, dous presos en Monterroso e un no centro penitenciario de Bonxe, en Outeiro de Rei.

Falta de transparencia

"Para nós as mortes, as cifras que se están dando, son unha das manifestacións máis duras da realidade do noso sistema penitenciario, pero que se conxugan con outras realidades", afirma o avogado e integrante de Esculca, o observatorio para a defensa dos dereitos e das liberdades, Fernando Branco en declaracións a este medio.

Branco valora positivamente que se dean a coñecer os datos, aínda que lembra que se fixeron públicos após a pregunta dun parlamentario, e non por vontade da propia Institucións Penitenciarias. "Porén, cremos que o esencial é que os datos cheguen acompañados de medidas", destaca, "sería esencial que se tomase en serio o que está a acontecer".

O avogado apunta que non é doado coñecer as causas detrás das mortes na cadea. "Si é certo que hai unha elevada asociación entre o consumo de fármacos e as mortes", afirma, "unha inxesta da medicación que debera ser controlada na propia prisión".

Esculca ten manifestado en reiteradas ocasións a súa preocupación polo falecemento de persoas en réxime de illamento. "Recentemente atopámonos dous casos. No primeiro un preso faleceu logo de, presuntamente, prender lume ao seu propio colchón como método de protesta polo seu confinamento. A familia personouse, mais un xulgado de Betanzos arquivou a causa", explica Branco.

"Na outra trátase a dun preso que estivo en Teixeiro e na Lama nun réxime de illamento que o propio Defensor do Pobo cualificou como ilegal", resume o avogado.

Competencias sanitarias

"Nas propostas que estamos a piques de remitir ás representantes políticas que concorrerán nestas eleccións a transferencia do sistema sanitario dentro das prisións é unha prioridade", asegura Fernando Branco.

Desde 2003, unha lei abriu a porta a esta transferencia. Porén, o Ministerio do Interior segue sendo o encargado de xestionar este servizo. Tanto Esculca como Ceivar, o organismo popular antirrepresivo, teñen denunciado as carencias en materia de atención sanitaria e á saúde mental nos penais do país.