«A prisión non pode ser unha condena a morte»

Cárcere de Teixeiro.
O Colexio da Avogacía de Ourense e a Comisión de Asesoramento Xurídico Penitenciario deste organismo amosan a súa preocupación polo aumento de mortes en prisión. Piden a investigación «dilixente» de todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes máis todas e cada unha das mortes que se producen no contorno penitenciario.

«Non nos podemos permitir ningunha morte máis dentro da prisión. A prisión non pode ser unha condena a morte». Con esta sentenza arranca o comunicado emitido polo Colexio da Avogacía de Ourense e a Comisión de Asesoramento Xurídico Penitenciario para reclamar medidas que apoien o tratamento espécifico de cada persoa presa e garantan a prevención real da tortura no medio carcerario.

Neste sentido, avogan pola posta en marcha das solucións acordadas nos encontros de Dereito Penitenciario dos colexios de avogacía do Estado celebrados en Barcelona baixo o título «XXI Xornadas de Servizos de Orientación e Asesoramento Xurídico Penitenciario».

Mortes en prisión

No que vai de ano, apunta o Colexio da Avogacía de Ourense, faleceron 159 persoas na cadea, 138 en centros dependentes de institucións penitenciarias e 21 en cárceres cataláns. A estas mortes hai que sumarlles as 210 rexistradas en 2018, as 147 de 2017, e a preocupación manifesta da Valeduría do Pobo no su último informe ante «ante o forte incremento das mortes asociadada ao consumo de drogas -61- e tamén o lixeiro incremento do número de suicidios -33-.

Cómpre investigar con dilixencia todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes, coa intervención inmediata do médico forense.

Por iso, sinalan a urxencia de «investigar con dilixencia todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes, coa intervención inmediata do médico forense, así como crear un rexistro trasnparente destas denunias e investigar todas e cada unha das mortes producidas en prisión».

Como medida complementaria estabelecen a necesidade de «aumentar o número de visitas da inspección e do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura ás prisións», ademais de «implementar sistemas de videovixilancia que sexan realmente efectivos».

Profesionais especializadas

As avogadas ourensás reclaman a formación continua e especializada do corpo de funcionarios e funcionarias en «prácticas restaurativas» por parte de profesionais da mediación, ademais da «especialización e sensibilización de todos os operadores xurídicos que teñan contacto co ámbito carcerario».

No seu escrito destacan a importancia de contar con programas de tratamento especificos para cada persoa presa e piden «os recursos económicos necesarios para incorporar profesionais ao cadro de persoal sanitario penitenciario», nomeadamente, especialistas da psicoloxía e da psiquiatría que «estean presentes en todas as prisións as 24 horas do día todos os días do ano».

A sanidade penitenciaria, unha prioridade

O Colexio da Avogacía de Ourense considera imprescindíbel abordar «a transferencia de competencias sanitarias en materia penitenciaria á rede pública de saúde» co fin de garantir a atención adecuada da poboación reclusa.

Sería importante aplicar medidas alternativas ás penas de privación de liberdade, especialmente ás de longa duración.

Neste sentido, manifesta o seu «desacordo coa proposta formulada pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para contratar profesionais sanitarias sen o MIR», unha suxestión propia dun sistema de atención sanitaria obsoleto que « que representa un risco para as persoas presas e perpetúa unhas pésimas condicións laborais e de asistencia sanitaria penitenciaria».

Por último, pon o foco na importancia de «aplicar medidas alternativas ás penas de privación de liberdade, especialmente ás de longa duración».